XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno inicia a contratación da dirección facultativa para a reforma do pavillón municipal de Vite

15/02/2024 As obras de rehabilitación integral do pavillón municipal de Vite, confinanciadas con fondos Next Generation EU, contan cun orzamento global de máis de 1,2 millóns de euros e permitirán mellorar a eficiencia enerxética, a sustentabilidade, a accesibilidade e a seguridade do complexo. A licitación do contrato para a execución das obras foi adxudicado o pasado mes de decembro á empresa PRACE, SERVICIOS Y OBRAS S.A.

O executivo local deu luz verde ao expediente de contratación do servizo de dirección facultativa para a reforma integral do pavillón municipal de Vite por un orzamento base de licitación de 48.400 euros. O Concello xa adxudicara o pasado decembro o contrato para a execución das obras á empresa PRACE, SERVICIOS Y OBRAS S.A. por un total de 1.209.712,72 euros, importe cofinanciado nun 80% polos fondos Next Generation EU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) e do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios (PIREP), e nun 20% polo Concello de Santiago.

Aforro enerxético

A reforma integral do polideportivo de Vite pretende emendar a situación actual dunhas instalacións que datan da década dos 90 tras un uso intensivo durante máis de 30 anos. Para isto, levarase a cabo a construción dunha nova envolvente, a base de chapa ondulada microperforada cor branca, máis lixeira e permeable, cunha serie de ocos que permitirán introducir luz natural e mellorar a relación interior-exterior do edificio. Tamén se impermebilizará a cuberta para facilitar o seu illamento, conservando o soporte existente, pero renovando canlóns e baixantes. Os actuais lucernarios serán substituídos por novas placas de policarbonato celular opal a fin de recuperar a iluminación natural e evitar deslumbramentos.

Tamén se acadará un importante aforro enerxético mediante a substitución de luminarias por outras con tecnoloxía LED, substitución de acumuladores eléctricos de produción de ACS por bomba de calor de alta eficiencia e a instalación de paneis fotovoltaicos para autoconsumo, reducindo considerablemente o consumo actual do edificio. Nos vestiarios instalarase un sistema de ventilación con recuperación e calefacción.

Melloras na accesibilidade e na seguridade

Co obxectivo de resolver os problemas funcionais, de accesibilidade e seguridade do recinto, trasladaranse os aseos públicos e a conserxería á zona das bancadas, nas que se introducirán catro prazas adaptadas, dúas no nivel inferior e dúas no superior. Para mellorar os diferentes accesos, eliminaranse banzos intermedios e reelaborarase a rampla situada na fachada sur. Tamén se levará a cabo unha redistribución dos vestiarios e das dependencias auxiliares da planta baixa e a colocación de novas barandas, sinalización, etc.

A proposta nace dun estudo exhaustivo do estado actual e do funcionamento do edificio, así como da procura dunha posta en valor do equipamento dentro do tecido urbano. Todo iso, co principal obxectivo de resolver os problemas existentes relacionados coa presenza de humidade, a funcionalidade, a accesibilidade, as instalacións, así como o estado dos equipamentos deportivos.

PIREP

Tanto a actuación no pavillón de Vite como a do complexo deportivo de Santa Isabel resultaron beneficiarias da Liña 1 do PIREP Local, o programa de axudas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) a través dos fondos europeos Next Generation EU. O custo total dos dous proxectos será de 4.301.180,12 euros, cunha achega do Goberno central de 3.319426,96 euros e de 981.753,16 euros de fondos propios do Concello.

Compartir: