DEREITOS E SERVIZOS SOCIAIS

Chega ao Teatro Principal "Aquí nunca pasa nada", unha obra que fai "xustiza poética en escena coas vítimas da trata"

09/02/2024 O Teatro Principal acolle esta tarde a representación da obra "Aquí nunca pasa nada", inspirada no Caso Carioca que chega a Santiago grazas á colaboración entre a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais e a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas. A concelleira María Rozas presentou a montaxe, "que trata de crear conciencia a través das artes escénicas, lembrar o que aconteceu coa maior operación contra a trata que se desenvolveu en España, e poñer o foco en realidades que seguen presentes". Na rolda de prensa tamén participaron a actriz Olga Compte e Cristina Bandín, en representación da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas.

"Aquí nunca pasa nada" é un proxecto da compañía Teatro Sin Papeles, integrada por persoas migrantes. A obra está dirixida por Moisés Mato, e interpretada por Luisa Anaya e Olga Compte, que se poñen na pel dunha muller prostituída vítima das redes de trata e da xuíza que investiga a súa situación. Trátase dunha montaxe inspirada no Caso Carioca, a maior operación contra a trata destapada en España, con 90 persoas implicadas e 400 mulleres vítimas.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais lembrou que "ainda con esas cifras, a operación acabou, despois de doce anos de investigación, co só tres persoas condenadas a penas que nin sequera tiveron que cumprir, e que sumaban menos de 10 anos fronte ás peticións iniciais que sumaban 524 anos de prisión". María Rozas lamentou que "ainda que o caso Carioca evidenciou as cloacas do sistema, o caso quedou en segundo plano porque as vítimas eran mulleres, que eran prostituídas e que na súa inmensa maioría eran migrantes". Por iso, apuntou, "para a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais é unha satisfacción que esta obra poida chegar a Santiago, para crear conciencia crítica, e da man da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas".

Nese sentido, Cristina Bandín explicou que a prostitución é a realidade de moitas mulleres migrantes que chegan a España, e puxo en valor o traballo que desenvolve a rede "para garantir que se respecten os dereitos humanos das persoas que chegan ao noso país, toda vez que non se cumpre o obxectivo de que ninguén se vexa forzado a migrar". Ademais, aproveitou a súa intervención para reclamar políticas europeas "que non se limiten a reforzar o control migratorio, a seren utilitaristas, no sentido de aproveitar a inmigración para traballos que non queremos os demais, e que non permitan cuestións tan vergoñentas como que os paises poidan pagar para non acoller ás persoas migrantes".

Unha obra "para que o público abra os ollos á realidade próxima"

Unha das protagonistas da obra, Olga Compte, explicou que a "Aquí nunca pasa nada" está pensada para "facer xustiza poética en escena, despois das inxustizas que sufriron as mulleres vítimas no caso Carioca, e en xeral todas as mulleres vítimas de trata". Nese sentido, a actriz explicou que durante o proceso de preparación do papel "descubrimos unha realidade que temos moi cerca, pero da que non se fala, e que tén que ver coas mulleres prostituídas pero tamén cos homes que son consumidores da prostitución". Ao respecto, lembrou que España é o primeiro país consumidor de prostitución en Europa e o terceiro no mundo.

Olga Compte apuntou que "o obxectivo da compañía é que o público abra os ollos, reflexione sobre a situación das mulleres prostituídas, que teñen unha esperanza de vida de tan só 40 anos, que son mulleres empobrecidas, e que son vítimas do que elas mesmas chaman violacións pagadas polas que ninguén lles pide perdón e para as que non hai reparación nin legal nin social".

A obra "Aquí nunca pasa nada" chega a Santiago grazas á colaboración entre a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais e a Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas, e poderáse ver hoxe no Teatro Principal, ás 19.30 horas. A entrada é de balde e libre ata completar aforo.

Compartir: