MOBILIDADE

A Xunta de Goberno acorda incorporar á zona ORA a contorna do Clínico e a rúa Escultor Camilo Otero

05/02/2024 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a creación de prazas da ORA na contorna do Hospital Clínico, tal e como estaba xa anunciado, así como modificacións en diferentes zonas reservadas ao estacionamento de residentes. O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, explicou que os cambios "responden por unha banda á alta demanda de aparcamento vinculada á situación do CHUS, e pola outra ao estudo sobre a ocupación das zonas verdes e a peticións que foron achegadas pola veciñanza

Na contorna do Hospital Clínico, a Xunta de Goberno acordou incorporar ao sistema ORA un total de 287 prazas, situadas na avenida de Barcelona (110 prazas), a rúa de Antonio Rama (32 prazas), rúa Manuel Caeiro (16 prazas), avenida de Bilbao (43 prazas), rúa Sempre en Galiza (40 prazas), e a rúa Valentín Varela Iglesias (22 prazas) así como outras 24 prazas que combinarán franxas horarias de ORA e de carga e descarga nas rúas Antonio Rama e na avenida de Barcelona. Tal e como se avanzara, estas prazas funcionarán baixo o réxime xeral da ORA pero sen obriga de rotación, de maneira que se poderá renovar o tíquet cada dúas horas sen obriga de mover o vehículo. O concelleiro Xan Duro insistiu en que o obxectivo "é evitar a presenza dos chamados vehículos ventosa, aqueles que permanecen estacionados na mesma praza durante longos periodos de tempo, habitualmente durante a semana laboral".

Modificacións na zona de residentes de Santa Marta

Ao tempo, a Xunta de Goberno acordou diferentes modificacións na zona 9 de Santa Marta. Unha delas aféctalle ao barrio de Santo Ignacio de Loyola, onde se reservarán 11 prazas para residentes 24 horas, e outras 7 para residentes en horario nocturno. Na rúa Doutor Maceira, acordáronse dous cambios: entre os números 10 e 14 habilitaránse 10 prazas para residentes 24 horas, que na actualidade son para residentes só en horario nocturno; mentres que na parte baixa da rúa, a marxe dereita será de estacionamento libre unha vez finalizada a ORA, habida conta dos baixos niveis de ocupación nocturna por residentes.

Outras novidades

No expediente aprobado hoxe na Xunta de Goberno tamén se inclúe a rúa de Camilo Otero na zona ORA de longa duración. Desta maneira, as 94 prazas desta rúa funcionarán co mesmo sistema que o aparcadoiro da Pontepedriña.

No Ensanche, acordouse que as prazas de estacionamento das rúas da Rosa e República do Salvador que funcionan baixo o réxime da ORA fóra do horario de Carga e Descarga pasen a ser prazas de estacionamento express de 15 minutos, seguindo o modelo que funciona xa na rúa de Xeneral Pardiñas. En cada unha das rúas, haberá tamén dúas prazas reservadas a persoas con mobilidade reducida. Por último en relación á ORA, retírase a única praza azul da rúa de Virxe da Cerca, que pasará a estar reservada a persoas con mobilidade reducida.

En canto ás zonas de residentes, acordouse incluír aos residentes da rúa das Oblatas na zona 7 de residentes de San Lourenzo, e aos residentes das Trompas na zona 3 de San Pedro, "atendendo ás demandas veciñais".

Compartir: