DEREITOS E SERVIZOS SOCIAIS

Chega ao Teatro Principal a obra "Aquí nunca pasa nada" para concienciar sobre a explotación das mulleres migrantes

02/02/2024 O Teatro Principal acollerá o próximo venres, 9 de febreiro, a representación da obra "Aquí nunca pasa nada", da compañía Teatro Sin Papeles. A montaxe, inspirada na Operación Carioca, chega a Santiago no marco da colaboración entre a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais e a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, co obxectivo de concienciar sobre a situación que viven as personas migrantes e, en particular, as mulleres vítimas das redes de trata.

"Aquí nunca pasa nada" é un proxecto da compañía Teatro Sin Papeles, dirixida por Moisés Mato e interpretado por Luisa Anaya e Olga Compte. Inspirada na Operación Carioca, a maior operación contra a trata destapada en España con 90 persoas implicadas e 400 mulleres vítimas da rede, a obra foi concibida como un proxecto de investigación que quere mostrar as feblezas do sistema á hora de protexer ás vítimas de explotación sexual. O guión céntrase na relación entre unha das mulleres que chega a Galicia desde Brasil e acaba sendo prostituída, e a xuíza encargada da investigación. As actrices, Luisa Anaya e Olga Compte, prepararon os seus papeis investigando sobre o caso, e tamén entrevistándose coas vítimas de trata, O mesmo fixo o director, Moisés Mato, que formulou a obra como un alegato contra todas as formas de explotación ás que son sometidas as mulleres.

A obra chega a Santiago grazas á colaboración entre a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais e a Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas, e poderáse ver o 9 de febreiro no Teatro Principal, ás 19.30 horas. A entrada é de balde e libre ata completar aforo.

Compartir: