PLENO

O Concello de Santiago adhírese á Rede de Cidades pola Bicicleta

21/12/2023 O Pleno municipal aprobou por unanimidade a adhesión do Concello de Santiago á Rede de Cidades pola Bicicleta, asociación estatal composta por máis de 100 municipios cuxo fin é promover o uso da bicicleta a través do intercambio de experiencias entre as cidades membros e do impulso de políticas públicas que favorezan a mobilidade ciclista. Compostela dá deste xeito un paso máis na súa aposta pola mobilidade sustentable e a calidade de vida dos seus habitantes.

Co visto e prace de todos os grupos municipais, o Concello de Santiago solicitará a adhesión á Rede de Cidades pola Bicicleta, asociación coa que comparte o reto de converter a bicicleta nun transporte prioritario na cidade facilitando a circulación das persoas ciclistas no medio urbano. Entre os pilares estratéxicos da Rede están o de promover o compromiso institucional e planifinación estratéxica a prol da bicicleta, fomentar o traballo en rede e incentivar o uso da bicicleta en múltiples ámbitos.

Entre outras vantaxes, a pertenza a esta Rede permitirá ao Concello acceder a un servizo de rexistro de bicicletas conectado coas policías locais, asistir a eventos técnicos, intercambiar coñecementos e boas prácticas con outros municipios e recibir asesoramento técnico para solucionar cuestións relativas ao ámbito da bicicleta.

O concelleiro delegado de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Xan Duro, actuará como representante do Concello de Santiago ante esta entidade da que xa forman parte en Galicia as localidades da Coruña, Lugo, Vilagarcía, Vedra, Pontevedra e A Veiga (Ourense).

Compostela dá deste xeito un paso máis na súa aposta pola mobilidade sustentable e a calidade de vida dos seus habitantes, fomentando o uso da bicicleta como medio de transporte alternativo, saudable e ecolóxico, como xa recolle a Axenda Urbana de Santiago 2030 e o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), actualmente na fase final da súa redacción e que sitúa a bicicleta como un dos piares da mobilidade futura de Compostela.

Entre as accións previstas polo Concello de Santiago atópanse a ampliación e mellora da rede de carrís bici, a instalación de aparcamentos seguros para bicicletas, a creación dun servizo público de aluguer de bicicletas eléctricas, a organización de actividades de sensibilización e educación viaria, e a colaboración con entidades sociais e empresariais para promover a cultura ciclista. O obxectivo é converter Compostela nunha cidade máis amable, máis verde e máis humana, onde a bicicleta sexa un elemento integrador e dinamizador do espazo urbano.

Outros asuntos

O Pleno municipal tamén acordou por unanimidade a aprobación inicial da Modificación da ficha A-17 do Catálogo do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), correspondente aos números 72, 74, 76 e 78 da avenida de Rosalía de Castro.

Compartir: