VÍAS E OBRAS

Elimínanse as barreiras arquitectónicas no acceso da fachada oeste do Museo do Pobo Galego

13/12/2023 O Concello de Santiago vén de concluír a obra de instalación dunha rampla na fachada oeste do Museo do Pobo Galego, "nunha aposta pola accesibilidade coa supresión de barreiras arquitectónicas nos espazos públicos", segundo explicou o concelleiro de Vías e Obras, Xesús Domínguez.

A actuación consistiu na realización dun itinerario accesible desde a vía pública para o edificio de titularidade municipal que acolle o Museo do Pobo Galego, segundo o proxecto básico e de execución de "Eliminación de barreiras arquitectónicas para acceso á ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval", redactado polos arquitectos Idoia Camiruaga Osés e Ramón Fernández Hermida.

"Esta actuación, que contou cun orzamento de 23.493 euros, culmina a intervención previa de maior intensidade desenvolvida na ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval coa realización dunha rampla exterior de acceso para a eliminación de barreiras arquitectónicas do Museo do Pobo Galego", indicou o concelleiro.

En concreto, a rampla sitúase na fachada oeste do conxunto e permite acadar un itinerario peonil accesible dende a vía de acceso principal, a través do xardín frontal ata a ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval.

Este elemento apóiase, sen empotramento, sobre a rampla norte da escaleira de acceso desde o xardín, sen desmontar a varanda de cuadradillo e pletina. Para alcanzar a cota interior do edificio colocouse un gran banzo final realizado a base de laxas de pedra granítica sobre a actual plataforma. Foi necesario complementar a varanda con outra peza que protexe a plataforma de chegada da rampla a cota interior.

Ademais, aumentouse a zona pavimentada con laxas de características similares ás da beirarrúa existente, a modo de beirarrúa na zona do xardín, para facilitar o acceso con cadeira de rodas á nova rampla.

Compartir: