ALCALDÍA

A alcaldesa mantén unha reunión co Foro Cívico para informar dos avances do acordo subscrito coas entidades

11/12/2023 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, participou nun encontro co Foro Cívico de Santiago de Compostela, que integra diversas entidades e colectivos profesionais, onde explicou as liñas do traballo do Goberno local para impulsar proxectos ambiciosos que repercutan na calidade de vida da veciñanza, co compromiso de recuperar o orgullo compostelán, defender os sinais de identidade e facer valer a condición de capital de Galicia.

A rexedora informou das negociacións institucionais emprendidas e que vai realizar para facer seguimento do acordo subscrito entre as forzas políticas representadas na Corporación como obxectivos prioritarios para este mandato municipal, con diálogo para lograr maior cooperación en prol dos obxectivos estratéxicos e conseguir recursos froito da xestión propia e da colaboración interinstitucional.

Na reunión, á que asistiu acompañada da primeira tenente de alcaldesa, María Rozas, detallou que a previsión de ACUAES é adxudicar o contrato da nova estación depuradora de augas residuais este mes de decembro para iniciar as obras nos primeiros meses de 2024. No acordo de investidura para o Goberno do Estado asinado entre o BNG e o PSOE conseguiuse un aumento da achega estatal a esta obra, que pasa dun 65 a un 80% dos custos de construción. Para iso, a alcaldesa explicou que se actualizará o esquema financeiro recollido no convenio mediante a subscrición dunha addenda e, consecuentemente, a Xunta debería reconsiderar a súa participación económica pola importancia desta obra máis alá dos límites de Santiago de Compostela.

Con respecto ao aparcadoiro do Hospital Clínico de Santiago (CHUS), deu conta de que o estudo de mobilidade elaborado pola Xunta evidencia a necesidade de actuar con medidas complementarias para resolver o problema de estacionamento causado, fundamentalmente, pola ocupación do 80% das prazas polo propio persoal sanitario. Ao fío disto, informou do acordo aprobado no último Pleno pola maioría da Corporación para instar a Xunta a asumir o investimento da construción do novo aparcadoiro do CHUS, tendo en conta que se trata dun equipamento de ámbito supramunicipal e que a poboación de Santiago representa o 22% das 450.000 persoas adscritas a esta área sanitaria.

Segundo explicou, cómpre ordenar toda a zona interior, propiedade e responsabilidade do SERGAS, e tamén a exterior, desenvolvendo o planeamento previsto ou a través dun Proxecto de interese autonómico (PIA) para alcanzar unha adecuada calidade urbana da contorna. Anunciou que o Concello contribuirá a mellorar a mobilidade desde o planeamento e con terreos para completar a rotonda de acceso que debe adquirir por expropiación e a total colaboración municipal como demostrou ao facilitar a implantación dos novos edificios coa bonificación da taxa de licenza e do 95% do Imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO).

Outro dos puntos da xuntanza foi a análise das propostas de ampliación de solo industrial en Santiago de Compostela, co fin de mellorar a oferta de superficie para a implantación de novas empresas. Para o Concello é preciso coñecer, de primeira man e como xa lle trasladou á directiva da Asociación Área do Empresarial do Polígono do Tambre, a definición de novas actividades industriais a desenvolver para saber as características das parcelas que precisan as empresas, co obxectivo de facilitar a tipoloxía do solo que se corresponda coa súa demanda e xestionalas coa Xunta. Sinalou tamén que nos últimos anos se destinaron reservas de solo industrial á creación de polígonos comerciais, que substitúen as actividades puramente industriais e provocan a desaparición do comercio local. Co fin de evitar dinámicas contraproducentes para a implantación de uso industrial, desde o Concello estúdase a posibilidade de establecer limitacións no planeamento.

Tamén analizaron os pasos para a creación da Oficina de captación de investimentos co obxectivo de mellorar na atención a implantación de iniciativas empresariais en Compostela desde a entidade municipal, no marco do grupo de traballo do Pacto pola Sionlla.

Entre outros temas tratados na reunión, está a xestión do ciclo integral da auga; a conexión coa rede de transporte ferroviario de mercadorías; o compromiso coa xestión e promoción turística sustentable e as medidas que se pretenden impulsar para mellorar o acceso á vivenda, coa disposición de solo para vivenda protexida e de iniciativa pública, coa vontade do Goberno local de dedicar recursos procedentes do patrimonio municipal do solo para dotar vivenda pública municipal en alugueiro, procurando obtela a través da rehabilitación de inmobles, xunto coa posibilidade de solicitar a declaración de mercado tensionado.

.

Compartir: