XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica as obras de reforma do pavillón de Vite por 1,2 millóns de euros

11/12/2023 O executivo local adxudicou hoxe a obra da reforma integral do pavillón municipal de Vite, cofinanciada polos Fondos NextGeneration, por un total de 1.209.712,72 euros á empresa Prace, Servicios y Obras SA. Deste e doutros asuntos aprobados en Xunta de Goberno deu conta en rolda de prensa a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

A rexedora detallou que "a obra ten un prazo de execución de 6 meses" e suporá "unha renovación moi potente e importante" do espazo municipal, cunha serie de actuacións "na envolvente relacionadas coa eficiencia enexética", outras "para a eliminación de humidades e para resolver todos os problemas que teñen que ver coa cuberta, así como a incorporación de vestiarios novos" que permitirán contar nun futuro próximo cun "pavillón novo e moito mellor preparado".

Durante esta intervención levarase a cabo a construción dunha nova envolvente, a base de chapa ondulada microperforada cor branca, máis lixeira e permeable, cunha serie de ocos que permitirán introducir luz natural e mellorar a relación interior-exterior do edificio. Tamén se impermebilizará a cuberta para facilitar o seu illamento, conservando o soporte existente, pero renovando canlóns e baixantes. Os actuais lucernarios serán substituídos por novas placas de policarbonato celular opal a fin de recuperar a iluminación natural e evitar deslumbramentos.

Tamén se acadará un importante aforro enerxético mediante a substitución de luminarias por outras con tecnoloxía LED, substitución de acumuladores eléctricos de produción de ACS por bomba de calor de alta eficiencia e a instalación de paneis fotovoltaicos para autoconsumo, reducindo considerablemente o consumo actual do edificio. Nos vestiarios instalarase un sistema de ventilación con recuperación e calefacción.

Co obxectivo de resolver os problemas funcionais, de accesibilidade e seguridade do recinto, trasladaranse os aseos públicos e a conserxería á zona das bancadas, nas que se introducirán catro prazas adaptadas, dúas no nivel inferior e dúas no superior. Para mellorar os diferentes accesos, eliminaranse banzos intermedios e reelaborarase a rampla situada na fachada sur. Tamén se levará a cabo unha redistribución dos vestiarios e das dependencias auxiliares da planta baixa e a colocación de novas barandas, sinalización, etc.

A proposta nace dun estudo exhaustivo do estado actual e do funcionamento do edificio, así como da procura dunha posta en valor do equipamento dentro do tecido urbano. Todo iso, co principal obxectivo de resolver os problemas existentes relacionados coa presenza de humidade, a funcionalidade, a accesibilidade, as instalacións, así como o estado dos equipamentos deportivos.

Adxudicación

O contrato adxudicouse, por ser a súa oferta a máis vantaxosa, a PRACE, SERVICIOS Y OBRAS S.A. que ofertou unha proposición económica de 999.762,58 euros sen IVE, que cun IVE do 21% por importe de 209.950,14 fai un total de 1.209.712,72 euros. O orzamento desagrégase do seguinte xeito: en 2023, 100.809,39 euros; en 2024, 1.108.903,33 euros.

PRACE, SERVICIOS Y OBRAS, S.A amplía o prazo de garantía en 5 anos por riba do mínimo esixido e incrementa o orzamento de control de calidade nun 2% sobre o 1% obrigatorio fixado nos pregos e o orzamento do programa de actuación ambiental sobre o proxectado nun 2%.

Este contrato está cofinanciada polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Oferta de emprego público

O executivo municipal tamén deu luz verde esta mañá á Oferta de Emprego Público de 2023 con 12 novas prazas, todas elas de persoal funcionario con acceso libre. A OEP aprobada recolle 2 prazas de persoal administrativo correspondentes aos grupos C1 e C2; outras 2 prazas de enxeñeiro/a técnico/a e arquitecto/a técnico/a do grupos A2, así como 5 postos para a Policía Local e outros 3 para o Servizo de Extinción de Incendios.

Compartir: