DEREITOS E SERVIZOS SOCIAIS

O Consello Municipal de Persoas Maiores estuda o proxecto da Casa dos Maiores

21/11/2023 A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, presidiu o Consello Municipal de Persoas Maiores, na primeira reunión do órgano neste mandato. Na xuntanza, María Rozas deu conta do proxecto da futura Casa dos Maiores, que o Goberno proxecta nas antigas dependencias da Seguridade Social en San Pedro de Mezonzo. Tamén se avaliou a situación do Servizo de Axuda no Fogar.

No Consello Municipal de Persoas Maiores participaron representantes da Plataforma de Pensionistas Compostela, Cáritas Diocesana, a Fundación Down Compostela, Cruz Vermella, a Federación de Asociacións Veciñais do Rural (FERUSA), a asociación Compostela Solidaria, a Asociación Galega de Axuda aos Enfermos tipo Alzheimer (AGADEA), a Asociación de Loita contra as enfermidades do ril da Coruña (ALCER), a Asociación Internacional Teléfono de la Esperanza, a Plataforma SOS Sanidade pública, a Asociación Cultural da Saúde Natural (ASSANA), a Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (ATEGAL) e o sindicato UGT. Tamén estiveron representados todos os grupos da Corporación Municipal.

O Consello Municipal de Persoas Maiores quedou constituído en xaneiro de 2022, co obxectivo de impulsar medidas dirixdas a lograr un envellecemento activo e mellorar a vida das persoas maiores de Compostela. Entre as súas funcións as de promover a realización de estudos sobre a situación das persoas maiores no municipio de Santiago, cuxos resultados sirvan de base para propostas de actuación; potenciar a participación das persoas maiores nos asuntos municipais; fomentar o asociacionismo e prestar apoio e a asistencia; propoñer a adopción de medidas dirixidas a eliminar os obstáculos que dificultan a integración real e efectiva da veciñanza maior; ou impulsar a colaboración e cooperación entre asociacións e entidades, públicas ou privadas, para que desenvolvan actuacións para a promoción das persoas maiores.

Compartir: