EDUCACIÓN

Última fase do Programa de educación afectivo sexual para mozos e mozas de Compostela

12/05/2007 O Colexio La Salle será o derradeiro en participar nesta edición do Programa de educación afectivo sexual para mozos e mozas de Santiago de Compostela. É o primeiro ano que este centro se incorpora ao programa. O calendario para os alumnos de 3º de ESO inclúe actividades os días 14, 15, 21 e 23 de maio.

O programa de educación afectivo-sexual pretende instaurar estes contidos no sistema educativo de xeito integral. O obxectivo é que progresivamente se poida desenvolver un labor consistente e efectivo coa mocidade como destinatarios directos do programa e co profesorado como axente esencial no labor educativo diario. Deste xeito, trabállanse todos os valores e actitudes necesarios para desenvolver unha educación afectivo-sexual que dea resposta ás necesidades dos mozos no seu proceso de crecemento e madurez.

Está dirixido ao alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO, segundo os intereses e as necesidades detectadas desde o centro educativo. Nesta edición participaron uns 1.300 alumnos dos centros escolares Sar, Eduardo Pondal, Compostela, Xelmírez I, Pontepedriña, La Salle, Xelmírez e Antón Fraguas.

Nos distintos obradoiros ofréceselle aos mozos información clara e directa para desmitificar as falsas crenzas, mitos e tabús., e sobre prevención de embarazos non desexados e enfermidades de transmisión sexual. Tamén se desenvolve unha reflexión no plano afectivo e incídese nas condutas de protección e saúde na vivencia positiva da sexualidade. O Programa tamén inclúe grupos extraescolares intercentros para ampliar contidos nun contexto diferente. Ademais, realízanse visitas didácticas ao Centro Quérote e ao Centro Coordinador de Información Xuvenil.

Preto do fin da actividade, a Concellaría de Educación amosou o agradecemento aos equipos directivos, ao profesorado e ás asociacións de nais e pais de alumnos dos centros escolares participantes no programa. Mención especial mereceu a colaboración da dirección e da ANPA do C. La Salle, o primeiro centro concertado que se une a esta iniciativa.

Compartir: