URBANISMO

O Concello pon en valor as obras da contorna do Castelo medieval da Rocha Forte

21/11/2023 O Centro Sociocultural da Rocha acolleu esta tarde un evento coa veciñanza co obxectivo de pór en valor as obras de acondicionamento da contorna do Castelo medieval da Rocha Forte, rematadas en 2022. Esta intervención, realizada polo Concello de Santiago no marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) permitiu a recuperación da zona e a inclusión de novas infraestruturas para mellorar o acceso de veciñanza e visitantes a esta singular fortaleza medieval.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín e o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, partiparon esta tarde nun evento para dar a coñecer as melloras realizadas nos últimos anos na área exterior do Castelo da Rocha Forte. Durante o acto non CSC da Rocha, que contou coa presenza de membros da Corporación municipal, veciñanza e representantes da Asociación Cultural da Rocha Forte, o grupo Doa ofreceu aos asistentes unha actuación de música medieval.

Na súa intervención, a rexedora indicou que as actuacións realizadas tanto no xacemento como nos accesos e aparcadoiro "contribúen a poñer o Castelo da Rocha a disposición de toda a cidadanía, promovendo as visitas, o coñecemento e a consciencia actual sobre esta Fortaleza".

A alcaldesa aproveitou a súa intervención para salientar o traballo e as iniciativas da Asociación Cultural Rocha Forte, que "loitaron intensamente para que as institucións iniciasen a recuperación e posta en valor dos restos da Fortaleza e da súa contorna". Neste sentido, referiuse especialmente a todo o labor realizado por esta entidade para difundir e socializar a importancia patrimonial e histórica do Castelo, implicando á propia veciñanza, e a axentes sociais, culturais e insititucionais neste empeño.

Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, foi o encargado de facer un percorrido técnico pola actuacións realizadas no marco da primeira fase deste proxecto, poñendo o foco en que se trata dunha "actuación que segue unha folla de ruta encamiñada a protexer o xacemento, seguir coñecendo e profundando na nosa historia, e traballar no futuro para a recuperación e rexeneración da paisaxe física pero tamén cultural de Compostela".

Intervención

O Concello de Santiago impulsou o proxecto de acondicionamento exterior do castelo da Rocha Forte no marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI), contando cun financiamiento de preto de 220.000 euros procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea (FEDER).

Estas obras permitiron engadir infraestruturas moi valiosas tanto para o lugar da Rocha Vella como para o parque arqueolóxico da Rocha Forte como a construción dun aparcadoiro, a recuperación do camiño peonil entre as casas e o río Sar, a reconversión dunha parcela abandonada nun campo de froiteiras ou a construción dun miradoiro sobre o castelo.

Castelo da Rocha Forte

O castelo da Rocha Forte foi levantado cara a mediados do século XIII, polo arcebispo Xoán Arias. Porén, non se pode descartar que, con anterioridade, xa estivese en pé a torre da homenaxe, de posible orixe románico. O castelo ten estrutura simétrica, con planta cuadrangular, tres murallas defensivas concéntricas e unha torre da homenaxe situada no centro. A terceira muralla contaba cun foxo polo exterior que, segundo algunhas fontes documentais e recentes investigacións arqueolóxicas, podería conter auga.

Rocha Forte era unha das residencias dos arcebispos de Santiago, ademais de posto de control militar e fiscal ao sur da cidade. Esta fortificación sufriu varios asedios, ao longo de algo máis de 200 anos, no contexto das loitas que mantiñan a burguesía e a nobreza laica contra o poder arcebispal. Finalmente o castelo será destruído, na segunda metade do século XV, como consecuencia dunha revolta irmandiña.

Co acondicionamento exterior avánzase un paso máis na recuperación e revalorización desta singular fortaleza medieval que, durante séculos, ven acompañando á cidade de Santiago no seu devagar pola historia.

Compartir: