SANIDADE

Compostela, sede do VI Congreso Nacional de Lupus

11/05/2007 O Auditorio de Galicia acolle os días 11 e 12 de maio o VI Congreso Nacional de Lupus, organizado pola Federación Española de Lupus (Felupus) e pola Asociación Galega de Lupus (AGAL).

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a conselleira de Sanidade, María José Rubio, presidiron a inauguración do evento, que reúne en Compostela a destacados especialistas españois e internacionais nesta enfermidade.

Segundo Felupus, o Lupus Eritematoso Sistémico é, hoxe por hoxe, unha enfermidade incurable do sistema inmunitario, unha condición por la cal o mecanismo de defensa de noso organismo comeza a atacarse a si mesmo creando un exceso de anticorpos no torrente sanguíneo que causan inflamación e danan as articulacións, os músculos e outros órganos. Pola súa parte, o Lupus Discoide afecta, polo xeral, só á pel, pero nalgunhas ocasións pode dexenerar en sistémico.

O Lupus non ten causa coñecida, aínda que a investigación evidencia a implicación de factores xenéticos, hormonas e infeccións incluso víricas. Crese que un 1% da poboación pode ter Lupus en España, dos cales o 90% son mulleres, principalmente entre 15 e 55 anos. Dado que presenta unha gran variedade de síntomas, o Lupus pode pasar desapercibido para médicos de familia e especialistas, retrasándose así un diagnóstico que pode ser crucial para o tratamento temperán da enfermidade. Os pacientes diagnosticados necesitan supervisión médica constante e un tratamento continuado.

Compartir: