CAPITAL CULTURAL

O cineasta João Canijo recolleu o premio Cineuropa

19/11/2023 O Teatro Principal acolleu este domingo a entrega do premio Cineuropa a João Canijo, nun acto no que participaron o deputado provincial da Deputación da Coruña Xosé Luis Penas Corral e o director do festival, José Luis Losa e que contou coa presenza da alcaldesa de santiago Goretti Sanmartín, da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao e de integrantes da Corporación municipal.

No discurso co que abriu a cerimonia, Losa referiuse ao premiado como "ese tipo de director para o cal o cinema é a propia vida, a súa e a da súas actrices. Por iso se aventura con elas na inmersión ao detalle das personaxes, e logo expanden esa experiencia no cine verdade das súas películas". O director de Cineuropa salientou o retrato que João Canijo fai "desas familias feridas de desamor, de fatalismos, de desencontros, de incomunicacións, de crueldades infinitas e de tenruras que pugnan por desembocar e só as vecen o conseguen".

En representación da Deputación da Coruña, o deputado provincial Xosé Luis Penas Corral parabenizou a organización do festival e o Concello de Santiago pola lonxevidade do certame que "está realmente marcado como un dos festivais máis importante do Estado" e aludiu a Canijo como "parte dese colectivo de persoas que dende o seu obradoiro de emocións nos trasladan a un mundo de noso e tan próximo". Penas foi o encargado de entregar ao cineasta o premio Cineuropa coa esperanza de que sirva para profundar, engadiu " na relación que xa existía entre o cine de João, o propio João e a cidade de Compostela e, en definitiva, con toda Galiza".

Na recollida do premio, Canijo declarou que "é unha honra tremenda e non podía estar máis emocionado". E, botando man do humor, continuou, "confeso que fiquei con medo porque é unha especie de premio de xubilación. Pero despois pensei: hai moitos anos deron este mesmo premio ao señor Manuel de Oliveira, e el fintou toda a xente porque continuou a facer filmes durante máis de vinte anos. Talvez me aconteza". Para alén de agradecer ao festival e á cidade o recoñecemento, Canijo estendeu a súa gratitude ás súa actrices, especialmente a aquelas coas que leva traballado máis tempo, Rita Blanco, Anabela Moreira e Cleia Almeida, e tamén á súa directora de fotografía Leonor Teles, outra das cineastas presentes estes días no festival.

Foi o propio director o encargado de dar paso á proxección de Mal Viver, o filme polo que recibiu o premio especial do xurado na Berlinale. A película atopa a súa réplica en Viver mal, outra fita do cineasta que funciona como espello da anterior para tecer un palimpsesto cinematográfico arredor da familia e da relación entre nais e fillas. Rodadas nun hotel da costa portuense no que Canijo pasaba as vacacións na súa mocidade, as películas envólvense nunha atmosfera decadente e opresiva– grazas ao labor na dirección de fotografía de Leonor Teles– que favorece o agromar das tensións entre as protagonistas.

A propósito deste díptico cinematográfico, Losa loou o "cine feito e aínda por facer de João Canijo e a súa cosmogonía de nais e fillas mortificadas pola súa propia potencia coral e sempre na liña de flote da catarse". E continuou cun convite ao patio de butacas: "Pasen e vexan. Atrévanse a esta experiencia de inmersión esixente e sublime de Mal Viver e Viver Mal. Xa saben que todas as familias felices se parecen unhas a outras, pero cada familia infeliz o é á súa maneira. As familias de Canijo, as súas mulleres atópanse a cada paso con novos desafíos formais ou dramáticos a través dos cales verter sobre a pantalla dor e gloria. Gracias João , por levarnos outra vez a esa cima".

Alén da que sucederá a entrega do premio, Mal viver ten unha segunda proxección o martes 21, ás 16.30 horas no Teatro Principal. Viver Mal conta con dous pases nos próximos días, o primeiro deles o luns 20 ás 18.30 horas no Salón Teatro e o segundo mércores 22 ás 17.30 horas no Teatro Principal.

Máis información sobre programación e entradas nas webs de Cineuropa e Compostela Cultura.

Compartir: