SERVIZOS BÁSICOS COMUNITARIOS

O plan de conservación de lavadoiros comeza cos labores de roza e de limpeza

16/11/2023 O Concello de Santiago desenvolveu un plan de roza e limpeza de lavadoiros, que se complementará cunha segunda fase para súa recuperación e posta en valor. Estes traballos incluíron o baleirado e limpeza das pías, a roza da contorna da parcela, retirada de lixo, depósitos, lama e de herbas de raíz, cunha intervención inicial en 21 lavadoiros que vén de concluír.

Entre eles, actuouse no lavadoiro de Picaños, de planta octogonal e cun diámetro de dous metros. Trátase dun elemento etnográfico singular con oito zonas de lavado independentes en cada unha das caras do octógono, así como unha canle que recolle a auga dunha pía situada ao lado das escaleiras de granito que chegan da parte alta. O espazo está delimitado por un muro de granito que serve de banco corrido ou de pousadoiro para o cesto da roupa. Na actualidade, xa se pode ver o resultado dos labores de limpeza e roza de vexetación neste lavadoiro de Picaños, necesarios para a segunda fase en que se vai proceder á limpeza en seco da cantería, ao saneado das lousas, impermeabilización e colocación dunha lousa que falta.

Impermeabilización e recuperación das canles de auga

Nesa segunda fase realizaranse actuacións de impermeabilización do vaso dos lavadoiros onde se detectou esta necesidade, xunto con labores de saneado e rexuntado de paramentos e a colocación de chaves para o peche do desaugue onde se precisen, para conseguir que se reactive a circulación da auga.

Nalgúns casos tamén se mellorará a pavimentación da contorna do lavadoiro, coa reposición de adoquinado e de lousas de pedra, así como o adecentamento das cubertas que posúen.

En concreto, nesa intervención actuarase los lavadoiros do Romaño, do Avío, Vite, Guadalupe, Salgueiriños de Arriba, Salgueiriños, Picaños e Casal do Castiñeiriño, por precisaren melloras para a súa conservación, logo de se avaliaren as patoloxías detectadas e de que se prescriban as actuacións de intervención para cada un deles.

Compartir: