CAPITAL CULTURAL

As Xornadas de Ilustración Urbana afondan no debuxo como modo de vida da man de artistas internacionais

10/11/2023 A alcaldesa Goretti Sanmartín, a concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao e a coordinadora das Xornadas, Gemma Sesar, tomaron parte acto inaugural dunha nova edición no Auditorio de Galicia. A ilustradora francesa Marion Rivolier foi a encargada de abrir o programa do venres cunha sesión que incluíu a estrea na contorna estatal da curtametraxe documental Frontière(s).

A Sala Mozart do Auditorio de Galicia acolle dende este venres 10 unha nova edición das Xornadas de Ilustración Urbana, un programa de conferencias de acceso de balde da man de artistas do debuxo e a ilustración que se desenvolve no marco do 6º Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela ilustrada.

A alcaldesa Goretti Sanmartín, a concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao e a coordinadora das Xornadas, Gemma Sesar, tomaron parte acto inaugural desta edición que baixo o título "Un modo de vivir" profunda na evolución que a práctica do caderno de viaxe experimentou nos últimos anos ata se converter nunha posibilidade profesional para moitas persoas afeccionadas á ilustración.
Goretti Sanmartín salientou a importancia deste encontro que atrae á cidade "visitantes de luxo, que chegan a Compostela con calma, que veñen a mirar, que se paran nos detalles". A alcaldesa valorou "os cadernos de viaxe como maneiras de facer cultura que nos transmiten unha emoción especial" e insistiu na necesidade de "apoiar proxectos coma este que signifiquen levar o debuxo a todas as idades e a todos os espazos".

A seguir coas oportunidades que Compostela Ilustrada ofrece á cidade de Santiago, Gemma Sesar incidiu tamén no impacto que o encontró xera en termos de difusión, con milleiros de imaxes que están a ser compartidas nas
redes sociais grazas ás e aos artistas visitantes.

A creadora francesa Marion Rivolier foi a encargada de abrir o programa das Xornadas de Ilustración Urbana 2023, cunha conferencia que incluíu a estrea en España da curtametraxe documental Frontière(s). Coescrita con David Rivolier, a peza documenta o ciclo de obradoiros que o colectivo Urban sketchers de París desenvolveu no cárcere da Santé. O programa de conferencias continuou coa intervención do ilustrador Federico Granell, que afondou na residencia artística que realizou en Siracusa e Lanzarote. Tras esta, será o debuxante portugués Paulo J. Mendes quen poña fin ao programa do venres nunha sesión na que explicará como a súa vida mudou a través do debuxo.

O sábado será quenda para as intervencións da británica Lis Watkins que, alén de falar da importancia do debuxo na súa evolución, presentará o seu traballo enfocado en parques urbanos; e do artista Tazab, que compartirá as súas vivencias na residencia artística que realizou nas Illas Cíes. Nesa mesma tarde, o ilustrador catalán Lluïsot trasladará ao público a súa experiencia como debuxante caricaturesco e a deseñadora galega e muralista Iria Prol afondará tamén no seu proceso de traballo. No transcurso das dúas xornadas, Prol será a artista encargada de elaborar en directo un mural de 2x2 metros no corredor do Auditorio arredor da figura e a obra de Luisa Villalta.

Compartir: