CAPITAL CULTURAL

A 37ª edición de Cineuropa arranca coa proxección de ‘Puan’

09/11/2023 Do 9 ao 25 de novembro, o certame leva ás salas de Compostela 115 filmes e numerosas actividades paralelas, con concertos e proxeccións especiais, mesas redondas e obradoiros arredor do cinema. Os premios Cineuropa distinguen en 2023 as traxectorias do actor Luis Zahera, do director portugués João Canijo e da actriz Ana Torrent

A 37ª edición do Festival Internacional Cineuropa abriu as súas portas este xoves coa proxección da comedia arxentina Puan, codirixida por María Alché e Benjamín Naishtat. A alcaldesa de Santiago Goretti Sanmartín e o director do festival José Luis Losa deron a benvida ao público do festival na gala inaugural desta edición que pon o foco no poder subversivo da comedia e que levará ás pantallas da cidade 115 filmes e numerosas actividades paralelas, con concertos e proxeccións especiais, mesas redondas e obradoiros arredor do cinema.

Puan, protagonizada por Leonardo Sbaraglia e Marcelo Subiotto, tivo a súa primicia na sección oficial do último Festival de San Sebastián, onde recolleu os premios do xurado ao mellor guión e á mellor interpretación protagonista para Subiotto. Na presentación do filme, a alcaldesa Goretti Sanmartín incidiu precisamente no humor reflexivo da película: "chéganos dende a outra beira do Atlántico un filme que bota man dese recurso infindo que na Galiza coñecemos tan ben, que practicamos acotío e do que temos abondosas mestras e mestres: o humor como revulsivo e como resistencia, como defensa e como crítica, como lóxica que atravesa tempos, discursos e formatos nun ronsel que conecta a Castelao con Chano Piñero, con Maruja Mayo e con Alaolado e que nos volve de novo a nós"

O director do festival, José Luis Losa aludiu tamén ao pouso crítico do filme: "Esta noite veremos unha película arxentina, unha comedia chea de humor, cun profesor de filosofía maltratado coma un bufón e unha obra que, con todo, baixo esa capa de comicidade, nos está a falar desta axenda anticultural da motoserra dos lideres populistas. Puan cóntanos, entre gags xeniais, como unha sociedade pode verse ameazada pola crispación, o ruído, a polarización social extrema. O que en Arxentina chaman a "grieta". E desa fenda abrollan os monstros".

O filme presenta, en ton de humor, e con gags de comedia screwball, a loita de poder entre dous docentes de filosofía que se disputan unha cátedra que quedou vacante. Por unha banda, Marcelo, leva toda a vida ensinando na Universidade de Bos Aires, e asume que tras a súbita morte do seu mentor vai ser el quen herde o seu lugar. Fronte a el está Rafael Sujarchuk, un colega que impartiu clase durante anos en universidades europeas e que, no contexto arxentino, está colocado nun pedestal de superioridade só pola sua experienciano estranxeiro. A rivalidade entre os dous docentes medrará mentres as súas vidas e o país entran nunha espiral de caos.

Apoios e colaboracións
Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago coa colaboración do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña. Na súa 37ª edición conta tamén co apoio da Xunta de Galicia, o Consulado da República Arxentina en Vigo ou o Instituto Camões, e co patrocinio de empresas como Yáñez, Paco e Lola, Unicla, Martín Códax e Cafés Candelas.

Sedes do festival e información práctica
O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX, Multicines Compostela, o CGAC e a Zona C abeirarán as proxeccións e actividades desta edición. As entradas e bonos están á venda no despacho de billetes da Zona C e na web compostelacultura.gal

Compartir: