DEREITOS E SERVIZOS SOCIAIS

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais visita a sede de Down Compostela

09/11/2023 A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude visitou esta mañá a sede da Fundación Down Compostela para coñecer mellor o seu traballo e recoller as súas demandas. María Rozas estivo acompañada polo presidente da entidade, Juan Martínez; o secretario, Joaquín Rodríguez; a directora, Blanca Taboada; e por unha das beneficiarias dos programas da Fundación. Pamela foi a encargada de achegarlle á concelleira as peticións que previamente consensuara con todos os seus compañeiros e compañeiras.

Pamela explicoulle a Maria Rozas que as principais preocupacións do colectivo teñen que ver coa súa incorporación ao mercado laboral, coa accesibilidade, sobre todo no transporte público, e coa escasa oferta de ocio inclusivo. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais puido coñecer tamén os programas que ten en marcha a Fundación Down Compostela para favorecer a integración e o desenvolvemento dunha vida autónoma por parte dos mozos e mozas con síndrome de Down. María Rozas recolleu as demandas do colectivo, e comprometeuse a avalialas e a manter a plena colaboración do Concello de Santiago coa entidade.

Compartir: