EMPREGO

Bota a andar Talentia 2023 cun Foro para reflexionar sobre innovación tecnolóxica, conciliación e talento local

09/11/2023 O auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea acolle mañá, ás 10.00 horas, o Foro inaugural de Talentia Summit, que este ano leva por lema "Coñeces o traballo do futuro?". O evento contará coa participación de destacados expertos e expertas en innovación tecnolóxica e intelixencia artificial, políticas de conciliación e talento local. A nota musical da xornada poráa o grupo Eladio y los Seres Queridos.

A apertura do Foro Talentia correrá a cargo da primeira tenenta de alcaldesa e concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas; o secretario xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta, Pablo Fernández; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. As súas intervencións darán paso ás conferencias de nove destacados ponentes, que reflexionarán sobre os cambios que supón a intelixencia artificial no mercado laboral, os novos modelos para o desenvolvemento do talento local, ou os restos das políticas de conciliación. O foro estará conducido pola xornalista Ainhoa Apestegui.

Ponencias

A primeira conferencia da xornada correrá a cargo de Alex Rayón, fundador e CEO de brainandcode.tech, que falará sobre "Intelixencia Artificial Xerativa, un mundo de posibilidades laborais". Tras del, Susana Pascual, CEO en Pixelshub e divulgadora científica experta en disciplinas STEAM, ofrecerá unha conferencia baixo o título "Construiíndo o teu futuro; falemos de liderado, STEAM e vocacións". Santiago Domínguez, CEO e Cofundador de Mestrelab Research, tén prevista unha ponencia titulada "Transformando unha economía rexional a través do emprendemento, a innovación, a dixitalización e as ciencias da vda. Con persoas, por persoas e para persoas".

A CEO de LiKaDI e creadora de SinGENEROdeDUDAS, Carmen Castro, reflexionará sobre se "Podemos alcanzar unha verdadeira conciliación laboral?", e Tino Fernández, presidente executivo do grupo Altia e vicepresidente do Clúster TIC de Galicia, falará sobre "Tecnoloxía. A gran oportunidade".

O Foro Talentia continuará coas intervencións de Ignacio Ramos, director cooperativo de People Strategy an Infraestructres de GMV, sobre "Intelixencia Artificial xerativa, non destrutiva"; Anna Cabó, fundadora de LaGroc, en torno ás "Políticas de conciliación e retención do talento"; e Guillem García Brustenga, experto en transformación dixital da educación na UOC, cunha ponencia titulada "Máis alá da dixitalización: educación e emprego na era da IA". A última conferencia da xornada correrá a cargo de Isabel Pernas, vicepresidenta de Creativas Galas, que falará sobre "O impacto do talento creativo na economía circular".

Feira Talentia

A Feira virtual de Talentia Summit xa está tamén aberta ao público, e conta con máis de 25.000 usuarios e usuarias únicas na web talentiasummit.com. Desde ese portal pódese acceder a un amplo catálogo de actividades gratuítas, cunha gran oferta formativa. Nos cursos 100% on line para a súa realización por libre xa se esgotaron as máis de mil prazas dispoñibles, pero aínda se aceptan reservas para acceder á plataforma Linkedin Learning; para cursos en aula virtual con titor en directo; mentorías profesionais; ou cursos para a obtención de certificacións profesionais. A través da web tamén foron xa intermediados máis de 700 currículums, e fixéronse case 400 reservas de citas con empresas e para mentorías profesionais.

O próximo luns, celebrarase a feria presencial do Talentia no Palacio de Congresos, con stands de diferentes empresas e unha ampla oferta formativa. En concreto, prevense 19 cursos cun total de máis de 300 prazas, a maioría deles ofertados en colaboración coa Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, e tamén da man de Creativas Galegas. Así, haberá talleres de comunicación, técnicas de venda, uso de apps para a procura de emprego, introdución á intelixencia artificial, paquetería creativa ou seguridade alimentaria.

A oferta presencial complétase cun espazo para as mentorías, con 350 prazas.Toda a información e o catálogo completo de actividades dispoñibles está accesible na web talentiasummit.com

Direccións relacionadas



Compartir: