TURISMO

Compostela continúa a súa aposta pola calidade turística a través do SICTED

09/11/2023 Este ano proporanse 125 empresas para recibir a distinción do SICTED, dez máis que no 2022 e máis do dobre que no 2018. A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, participou hoxe na Mesa de Calidade na que Turismo de Santiago dou conta do traballo que realizou este ano para o fomento da calidade a través da implantación do Sistema Integral da Calidade Turística Española en Destinos (SICTED).

Segundo destacou Míriam Louzao, na base do novo modelo turístico de Compostela ten que estar a calidade do sector. Así, a concelleira afirmou que "se queremos un turismo consciente que aporte maior valor engadido, temos que contar cunha oferta que cumpra as expectativas deste tipo de turismo. Por iso, para conseguir mudar o modelo turístico da cidade temos que traballar cada día por manter e mellorar a calidade da nosa oferta turística".

Neste ano proporanse ao Comité de Distinción da Secretaría de Estado de Turismo a 125 candidatos para recibir a distinción de calidade de SICTED, dez máis que no 2022. En total, participaron no programa 141 empresas, doce máis que o ano pasado.

Estes datos, que continúan co crecemento dos últimos anos, amosan que o sector turístico de Santiago está a facer un esforzo moi importante para manter os niveis de calidade. Así, dende o 2018 ata o 2023 conseguiuse máis do dobre de empresas propostas a distinción, pasando de 60 a 125.

Na Mesa de Calidade tamén se detallou o contido do Plan de Comunicación e Marketing do SICTED, que comezou no segundo semestre do 2022 e que continuou o ano pasado dados os seus bos resultados.

O Plan de Comunicación diríxese tanto a poboación local como aos turistas e visitantes. Para iso conta con perfís específicos en diferentes redes sociais que destacan pola calidade dos contidos, priorizando os contidos audiovisuais, e pola excelente implicación das empresas e establecementos SICTED na súa elaboración

Compartir: