DEPORTES

Santiago terá un circuito de karting

10/05/2007 O Concello de Santiago e a Fundación Compostela Deporte asinaron un protocolo para a construción, poste en funcionamento e posterior xestión dun circuito de karting. Entre os seus destinos posibles, os terreos da Costa Vella onde no seu día se situou o vertedoiro, aínda que a ubicación non é todavía definitiva.

O alcalde compostelán e presidente da Fundación, Xosé A. Sánchez Bugallo, apuntou que se está a traballar "sobre a fórmula de xestión, e tralas nosas conclusións preliminares, cremos que o mellor sistema de posta en funcionamento e de xestión posterior sería a través da creación dunha sociedade anónima. O Concello achegaría mediante un réxime de concesión. ou simplemente de cesión directamente e a través da propia Fundación, os terreos onde se ubicaría este circuito.

Segundo Bugallo, esta sociedade anónima desenvolvería os estudios de viabilidade e escollería o lugar de emprazamento definitivo do circuito. A propósito da posible ubicación na Costa Vella, indicou que "é a que máis nos gusta", pero sinalou que "é necesario facer unha serie de probas técnicas e xeo técnicas para asegurarnos da viabilidade da ubicación nese espacio. Se non puidera ir ahí, no mesmo ámbito temos outro espaczo onde puidera encaixarse, porque é un circuito que require moito terreo".

A nova Sociedade Anónima, impulsada polo Concello e pola Fundación Compostela Deporte, estaría aberta á participación de accionistas, que serían empresas e entidades interesadas en participar no proyecto. "Noyamóvil e Brea Hervés teñen manifestado o seu interese en participar, e tamén hai outras empresas que o empresaron, incluso que non son do ramo do automóvil", dixo o alcalde. O obxectivo é que a Administración teña unha participación "que en ningún caso sería a maioritaria".

Respecto ao financiamento, Sánchez Bugallo afirmou que "unha parte autofinanciarase a través dunha operación de crédito e outra tería que ser financiada mediante a achega dos propios socios". Ademais, augurou un "gran éxito económico, deportivo e de dotación de servicios" para un circuito profesionalmente xestionado.

As previsións son que o circuito puidera estar listo en dous ou tres anos. O seu custo será superior aos tres millóns de euros "nos estudos máis moderados, xa que pode achegarse aos seis", apuntou o alcalde.

Resposta a unha demanda

Pola súa parte, o concelleiro de Deportes e vicepresidente da Fundación, Manuel Portas, indicou que este proxecto "recolle as demandas deportivas, e en especial do mundo do motor, onde tamén, ademais das deportivas están as empresariais e de lecer". Neste sentido, tamén apuntou á importancia que podería ter dende o punto de vista turístico. "Hai moita xente que marcha a León, Braga e outras latitudes para poder disfrutar desta actividade", dixo.

Ademais, insistiu en que "o uso deportivo e compatible co uso empresarial e educativo ou de formación. Todo cabe cunha xestión que optimice unha instalación destas características".

Finalmente, Xesús Chenel, de Noyamóvil (empresa que forma parte do Padroado da Fundación) destacou tres aspectos: a resposta e acollida positiva inmediata do alcalde e do concelleiro de Deportes á iniciativa; a ubicación preferente, considerada como o lugar idóneo; e a disponibilidade xa de tres empresas a involucrarse na iniciativa.

Compartir: