TURISMO

Compostela busca turistas de alto valor engadido na feira máis importante de Xapón

27/10/2023 Turismo de Santiago está participando na JATA, principal feira turística para o mercado xaponés, que se celebra do 25 ao 29 de outubro en Osaka. O mercado xaponés é estratéxico para Compostela xa que os seus turistas teñen un elevado gasto medio diario por persoa, chegando a situarse no 2022 en 262 euros, segundo os datos da Enquisa de Gasto Turístico, elaborada polo INE.

Ademais do gasto medio diario por persoa, o turista xaponés é estratéxico para o desenvolvemento do novo modelo turístico de Compostela, xa que se trata dun turista consciente, respetuoso co Patrimonio e a vida cotiá da veciñanza dos destinos que visita.

A entidade de xestión turística municipal participa na Jata cun mostrador propio no Stand de España. Tamén manterá múltiples reunións con profesionair do sector xaponés interesados en organizar paquetes vacacionais en Santiago. Ademáis, Turismo de Santiago xa participou nun Workshop organizado pola Oficina Española de Turismo, que se celebrou na véspera do inicio da feira e contou coa participación dos turoperadores e das axencias de viaxes máis importantes do país.

Como acción complementaria, a cidade de Tanabe, coa que Santiago leva anos colaborando, tamén asiste cun stand propio, onde se promocionan os dous camiños Patrimonio da Humanidade: o Kumano Kodo e o Camiño de Santiago. Neste stand un dos atractivos máis destacados e o Pasaporte Dual, que se entrega a aquelas persoas que percorren ambos camiños.

Precisamente, a comezos deste mes de outubro, unha muller de Singapur, June-Lian Mok, recibiu o Certificado que a convirte na peregrina Dual número 5.000. June-Lian Mok chegou acompañada da súa parella, Jeffrey Chiam, que recibiu o certificado 5.001.

Ambos percorreron os Camiños de Santiago e o Kumano Kodo. O Kumano Kodo fixérono seguindo a ruta dende Kii-Tanabe a Kumano Hongu Taisha no ano 2018. E neste 2023 fixeron o Camiño de Santiago dende Baiona. Turismo de Santiago entregoulle un pequeno agasallo, consistente en diferente material arredor do Códice Calixtino, como recordo.

Compartir: