TURISMO

Van Morrison e Santiago de Compostela: unha máxica combinación

10/05/2007 O touroperador oficial de Santiago, Compostur, ofrece un programa para gozar da cidade e do concerto de Van Morrison, o 19 de maio. O visitante pode acompañar o concerto, o único do irlandés en España, con visitas guiadas pola cidade.

Tras a representación da ópera monumental "Aída en fuego", o sábado 19 de maio o Multiusos Fontes do Sar cambia de cara para albergar o único concerto en España da última xira de Van Morrison. Todos aqueles que visiten a cidade ese fin de semana poderán gozar das cancións do "León de Belfast", que se suman aos atractivos habituais que ofrece Compostela.

Dende 75 euros, Compostur ideou un paquete con todo o necesario para que os fans do cantante irlandés poidan descubrir Santiago dun modo diferente ao habitual, ao mesmo tempo que gozan da música de Morrison. O programa consiste nunha noite de aloxamento nun establecemento hoteleiro da cidade e a entrada ao concerto en zona de grada alta. A isto únese o atractivo Tour Gastronómico, un percorrido polas tendas tradicionais e polo Mercado de Abastos, que inclúe a degustación de produtos galegos. Súmase tamén outra visita, audioguiada, ao casco histórico.

Compartir: