CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Rede de Centros Socioculturais encherase de maxia na segunda edición de "Abracastaña"

24/10/2023 A Rede de Centros Socioculturais volverá encherse de maxia do 31 de outubro ao 25 de novembro, na segunda edición do programa "Abracastaña". O concelleiro Xan Duro presentou hoxe a actividade, acompañado de Sandra Quintana, responsable do programa de artes escénicas e musicais da rede de centros, e do mago Romarís, un dos protagonistas desta edición.

Xan Duro explicou que o obxectivo desta actividade é "achegar o mundo da maxia a todos os públicos, e consolidar a presenza desta disciplina nas propostas da rede de centros sociocultuais". O concelleiro salientou que "é evidente que o ilusionismo esperta sempre o interese do público infantil pero tamén do adulto, e cada evento que se celebra acada sempre un enorme éxito e asistencia". Na primeira edición, o ano pasado, foron 915 as persoas que asistiron ás diferentes actuacións do programa "Abracastaña". Pola súa banda, o Mago Romarís incidiu en que este programa "ten a gran vantaxe da proximidade do público, que permite establecer diálogos que non se dan noutros formatos máis amplos", e explicou que o ano pasado "foron moitas as persoas que acabaron percorrendo todas as actuacións, polos diferentes centros socioculturais".

Nesta segunda edicion, o "Abracastaña" comenzará o 31 de outubro no centro sociocultural da Peregrina, coa actuación do mago Romarís, e percorrerá 15 centros tanto da zona urbana como do rural, para rematar o 25 de novembro no Romaño co mago Richard. Na programación participarán cinco magos: Romarís, Cayetano Lledó, Joshua Kenneth, Cali e Richard, que visitarán os centros da Peregrina, Fontiñas, Maruxa e Coralia, Marrozos, Santa Marta, Amio, Ensanche, A Gracia, Vite, Casa Agraria, Castiñeiriño, Conxo, Pontepedriña, Busto e O Romaño.

Compartir: