CULTURA E CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Roteiro de Creación Contemporánea achega aos composteláns o traballo de 35 artistas

10/05/2007 Por primeira vez en Galicia, o Roteiro de Creación Contemporánea, permitirá, durante as fins de semana do 12 e 13 e do 19 e 20 de maio, un circuíto aberto aos obradoiros de 35 artistas. Ademais, ofrecerá unha variada programación nos Centros SocioculturaIs e espazos expositivos da cidade, como exposicións colectivas, performances, danza, realización de murais e concertos en vivo.

O Roteiro é a oportunidade para que o visitante poida tomar contacto coas obras e creadores de diferentes xeracións, procedencias e estéticas, que conforman a diversidade da creación contemporánea en Santiago. Os participantes poderán mergullarse no mundo do artista: coñecer o proceso creativo, o entorno cotián ou as fontes de inspiración de gravadores, pintores , escultores, fotógrafos, serígrafos o xoieiros.

O percorrido –autoguiado- poderá establecerse grazas a un mapa que contén a localización dos obradoiros, galerías e centros socioculturais, dispoñible na Zona "C" (rúa Bonaval 1), punto de información deste Roteiro, e máis oficinas de turismo, galerías, centros socioculturais e demais espazos expositivos.

O Roteiro de Creación Contemporánea é un proxecto creado e organizado por María Chenut e Reina D'Hoore, artistas actualmente residentes en Santiago que, logo de participaren do éxito desta clase de experiencias creativas en Estados Unidos, Bélxica e Francia, queren compartilas coa cidade de Santiago. É posible grazas á colaboración das concellarías de Centros Socioculturais e de Cultura, da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta, da Fundación E. Granell e de Litonor, "El Correo Gallego" e TV Media.

A Zona C acolleu a presentación do Roteiro, cuxa inauguración está prevista para o venres 11, ás 20:00 horas, no Centro Sociocultural da Trisca (rúa Corredoira das Fraguas, 92).

Programa

En canto ao programa, o Centro Sociocultural do Ensanche acollerá do 12 ao 20 de maio unha mostra de videocreacións. Nesas mesmas datas, pero nos centros de Fontiñas, A Trisca, Conxo e Castineiriño, haberá exposicións colectivas de fotografía,
pintura e escultura.

O domingo 13 de maio, Los sastrecillos valientes, organizan unha xolda-vermú a
partir das 11:00 horas na praza de Cervantes. Do 14 ao 18 de maio, Nolo Suárez e Armando G crearán dous murais en directo nas paredes dos centros socioculturais de
Fontiñas e da Trisca. No mesmo período acontecerán tamén dúas "Accións no tempo", a cargo de Diego Ghiddini, artista performático italiano, que desenvolverá
unha acción titulada "Facce, scansioni digitali e estampa fotográfica. aprossimazioni" no punto de información da Zona "C", de 17:30 a 20:00 horas. Pola súa banda, Manuel Eiris intervirá con "Desocultamento", que se poderá seguir nunha casa por rehabilitar nas Casas do Rego (Carme de Abaixo) de 16:00 a 20:00 horas.

O xoves 17, a Galería C5 propón, ás 20:00 horas, un encontro co artista Fran Herbello, con quen se poderá dialogar sobre "Territorios e cartografías en Branco e negro", exposición conxunta con Rene Pena. Na xornada seguinte, Día Internacional dos Museos na Fundación Eugenio Granell, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. Poderase gozar de concertos e performances de: Rita Rodríguez, María Meijide, Gelu Ramos, Laura Fandino, Cintia Ramírez, Andrea Olmedo Río e Ignacio Pérez -Joffre, entre outros.

Compartir: