TURISMO

Concello de Santiago e Unión Hotelera manteñen unha xuntanza para abordar os retos do novo modelo turístico de Compostela

17/10/2023 A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, acompañada da concelleira de Turismo, Míriam Louzao, mantivo esta mañá unha xuntanza con representantes de Unión Hotelera para tratar diversos temas de interese para o sector turístico.

No transcurso do encontro, Goretti Sanmartín expuxo a necesidade de traballar conxuntamente entre Concello e sector na procura dun novo modelo turístico para Santiago de Compostela, nomeadamente no relativo á posta en marcha de iniciativas que desestacionalicen e diversifiquen a oferta turística.

A necesidade de mudar as dinámicas e captar novos fluxos de visitantes nos meses do ano que non se corresponden coa época estival foron os temas que centraron este primeiro encontro, que estivo marcado pola cordialidade e o diálogo construtivo. Neste sentido, desde Unión Hotelera fixeron fincapé na necesidade de diversificar a oferta e dirixila a segmentos específicos, como turismo familiar, turismo verde ou turismo cultural.

Convén lembrar que o goberno local está traballando activamente no deseño dun novo modelo turístico en que está implicando tanto ao sector como á veciñanza. Neste sentido, ademais das xuntanzas que a alcaldesa e a concelleira de Turismo están mantendo de xeito individual coas diferentes asociacións sectoriais e veciñais, tamén se lles está dando voz en foros de traballo relativos ao futuro do turismo en Compostela. O máis inmediato será a xornada "O impacto do turismo nas cidades. Taxa turística e outros instrumentos de xestión", que terá lugar o vindeiro venres no Pazo de Fonseca e que contará coa participación do vicepresidente de Unión Hotelera, José Antonio Liñares, nunha mesa redonda que inclúe representantes doutras entidades da cidade.

Compartir: