MOBILIDADE

O Concello segue reclamando un novo aparcadoiro para o CHUS e avaliará o estudo de mobilidade da Xunta cando reciba o informe completo

13/10/2023 O Goberno local está á espera de recibir o "Estudo de mobilidade e aparcadoiro do Hospital Clínico de Santiago e do Hospital Provincial de Conxo" para poder avalialo en detalle, despois de coñecer hoxe un resumo nunha reunión celebrada esta mañá entre representantes do Concello e da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. O Concello segue reclamando medidas realistas para solucionar os problemas de estacionamento na contorna dos hospitais, e xa lle trasladou á Xunta as melloras no transporte público ao CHUS previstas nos pregos para a licitación do servizo.

Na reunión celebrada esta mañá participaron, en representación do Concello, o concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro; e o responsable de Sustentabilidade Ambiental, Dereitos dos Animais, Servizos Básicos Comunitarios, Parques e Xardíns, e Vías e Obras, Xesús Domínguez; así como técnicos municipais. A Xunta estivo representada polo director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez; e polo xefe da Área de Deseño de Infraestruturas, Carlos Lefler. No transcurso da xuntanza, ambos fixeron un resumo do diagnóstico sobre o funcionamento do tráfico e a demanda de aparcadoiro na zona hospitalaria, e informaron de medidas previstas pola Xunta para mellorar a situación actual, agravada polas obras de ampliación do Clínico e pola futura construción do centro de protonterapia.

O Concello deu conta das súas previsións de reforzar o transporte público á zona dos hospitais na nova concesión do servizo, tal e como se recolle xa nos pregos que están sendo revisados para a futura licitación. Na actualidade existen oito liñas que inclúen nos seus percorridos o Hospital Clínico e o Hospital Provincial de Conxo, que moven diariamente unha media de 11.700 persoas. A esas liñas hai que engadirlles os transbordos, que se poden facer de maneira gratuíta en toda a rede. En todo caso, o Goberno local lembra que o CHUS é o hospital de referencia para 46 municipios das áreas de Santiago e Barbanza, que suman unha poboación de 450.000 persoas, que deben ter solucións de mobilidade alén dos autobuses urbanos de Compostela.

O Concello valora positivamente o anuncio da Xunta de activar novas liñas de autobús interurbano para favorecer os desprazamentos dos profesionais sanitarios, en tanto que iso mellorará a mobilidade e tamén debería incidir positivamente na saturación do aparcamento, xa que a Xunta recoñece que o 80% dos vehículos estacionados na contorna do CHUS son dos seus propios traballadores e traballadoras. Aínda así, desde a administración local reitérase a necesidade de que o Goberno galego asuma a construción do novo aparcadoiro, que a propia Xunta considera necesario á vista do resumo do informe presentado hoxe. Nese sentido, o Concello lembra que a administración autonómica tén ao seu dispor unha parcela municipal para a construción do aparcadoiro, seguindo a liña de actuación que tivo a Xunta noutras cidades nas que as ampliacións dos edificios hospitalarios foi acompañada da dotación de estacionamento.

O Concello de Santiago está á espera de recibir o estudo de mobilidade, que a Xunta comezou a desenvolver no pasado mes de marzo, para poder avaliar as súas recomendacións e estudar as accións que sexan de competencia municipal. Segundo se informou, ese informe será remitido ao Concello o próximo luns.

Compartir: