CAPITAL CULTURAL

O Concello de Santiago celebra o centenario do Seminario de Estudos Galegos cun roteiro pola cidade, un caderno conmemorativo e un documental

13/10/2023 Ademais de colaborar na organización do roteiro que se celebrou onte entre Santiago e Ortoño, emulando a andaina fundacional que realizaron algúns dos membros do SEG hai 100 anos, o Concello celebra o centenario do Seminario de Estudos Galegos con máis actividades: un novo roteiro, neste caso por diferentes puntos de Compostela significativos na historia da entidade; un caderno conmemorativo da efeméride e unha unidade didáctica para os centros educativos. Tamén elaborou o documental ‘Saber Galiza. O Seminario de Estudos Galegos’.

O roteiro organizado polo Concello percorrerá os puntos da cidade máis significativos na historia do Seminario de Estudos Galegos. Celebrarase en dúas tandas: o sábado 21 e o domingo 22 ás 18.00 h e será preciso inscribirse previamente enviando nome, DNI, día e número de prazas que se reservan ao mail paseos.compostela@maos.gal ou por mensaxe (SMS, WhatsApp ou Telegram) ao 694 474 166.

Trátase dun percorrido que comeza no lugar onde se fundou o SEG, na rúa Concepción Arenal nº 10, e que remata no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Entre estes dous puntos vai pasando pola Facultade de Xeografía e Historia, que foi o lugar onde se celebrou a primeira sesión; polo IES Rosalía de Castro, onde estivo a primeira sede; pola rúa Entremurallas, 8, onde estaba o Hotel Argentina, lugar que acolleu un dos grandes encontros iniciais; o antigo El Asesino, na praza da Universidade; o lugar onde estivo a Editora Nós na rúa do Vilar; ou o Pazo de Fonseca, onde terá despois a sede.

Ademais destes paseos, o Concello vai editar un caderno coa historia e principais fitos do Seminario de Estudos Galego cunha tirada de 10.000 exemplares. Difundirase nos centros educativos pero tamén nos centros socioculturais e na Zona C, onde poderán solicitarse de balde cara a finais deste mes.

Tamén se realizará unha unidade didáctica para enviar a centros educativos de Compostela e da comarca. Colgarase en breve na web municipal para a súa descarga para o resto de centros educativos do país.

Documental

Para conmemorar o centenario, o Concello colaborou con Nós TV na realización do documenta. ‘Saber Galiza. O Seminario de Estudos Galegos’. Nesta peza, na que tamén colaboran a USC, o Museo de Pontevedra, o Concello de Ames e a Xunta de Galicia, percórrese a historia do Seminario a través do seu legado e das persoas que poden contar del.

Direccións relacionadas



Compartir: