CAPITAL CULTURAL

‘La isla del Aire’ esgota as localidades para a representación deste venres no Auditorio de Galicia

11/10/2023 A montaxe teatral dirixida por Mario Gas con texto de Alejandro Palomas abre a programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura no segundo semestre. Núria Espert, Vicky Peña,Teresa Vallicrosa, Claudia Benito e Candela Serrat conforman o elenco da peza

A montaxe teatral La isla del aire, unha obra de Alejandro Palomas dirixida por Mario Gas, chega este venres 13 de outubro ás 20.30 horas á Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia. A dous días da representación, o público de Compostela esgotou xa as localidades dispoñibles para asistir a esta peza protagonizada pola actriz catalá Núria Espert. Vicky Peña, Teresa Vallicrosa, Claudia Benito e Candela Serrat completan un elenco composto enteiramente por mulleres que dan corpo e voz ás integrantes dunha familia liderada pola matriarca Mencía, interpretada por Espert. Tras a morte dunha das netas, a familia embárcase nunha viaxe cara a ‘illa do Aire’ que as levará a transitar polos segredos e conflitos latentes entre estas mulleres.

Descrita por Mario Gas como "poema sinfónico teatral cheo de dor e esperanza", esta adaptación teatral da primeira parte da triloxía que Alejandro Palomas tece en El tiempo que nos une, ofrécenos un ollada poética sobre a dor e as cicatrices que marcan, por veces, as relacións familiares.

O espectáculo conta con escenografía de Sebastià Brosa, vestiario de Antonio Belart e iluminación de Paco Ariza. Orestes Gas é o creador da música orixinal e do espazo sonoro desta montaxe que inclúe videoescenas de Álvaro Luna e Elvira Ruiz, e que conta coa caracterización de Núria Llunell e a voz de Anabel Moreno. Maite Pijuán asume a dirección técnica, Mireia Farrarons a produción executiva e Moisés Cuenca e David Ruiz, a dirección e coordinación técnica.

Trátase dunha produción de Teatre Romea co apoio de Instituto Catalán das Empresas Culturais (ICEC) que forma parte do programa PLATEA do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM) do Ministerio de Cultura.

Compartir: