SUSTENTABILIDADE AMBIENTAL

O novo parque infantil da praza de León abrirá ao público mañá, xoves 12 de outubro

11/10/2023 As cativas e os cativos da Pontepedriña contarán dende mañá cun novo parque para o seu desfrute na recentemente remodelada praza de León. O concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez, asistiu esta mañá á sinatura da acta de recepción obra, trámite previo á apertura do novo equipamento.

O obra en conxunto consistiu no redeseño da praza de León, sita no grupo de vivendas Cardenal Quiroga, en Pontepedriña, priorizando o uso estancial e lúdico. O proxecto recolleu a integración dunha zona de xogo, o cambio da pavimentación, melloras na accesibilidade e un axardinamento da contorna seguindo os criterios de sustentabilidade e dando resposta a unha petición formulada pola asociación de veciños Sandra Prego.

A nova zona de xogos ten un carácter singular dentro da praza, nunha área circular acoutada, cun pavimento interior de caucho de cores acordes aos novos xogos infantís. O resto do espazo queda libre para outras actividades.

A obra total de remodelación da praza, encadrada na EDUSI de Santiago de Compostela e cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea (Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020), contou cun investimento de 187.550 euros.

Compartir: