EDUCACIÓN

Un total de 180 rapaces de 6 a 15 anos participará na Escola de Verán de Inglés

10/05/2007 A concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, presentou unha nova edición da Escola Municipal de Verán de Inglés, denominada English School "Good morning, kids". Preto de 180 rapaces de 6 a 15 anos participarán nesta iniciativa, grazas á cal poderán aprender inglés sen necesidade de saír ao extranxeiro.

O curso realizarase no IES Rosalía de Castro, en horario de 8:30 a 14:00 horas. O prezo da actividade será de 150 euros para o mes completo, e de 90 euros no caso da quincena. As sesións serán impartidas por profesorado nativo con formación específica na aprendizaxe de linguas e en actividades de dinamización. O prazo de preinscrición estará aberto do 11 ao 25 de maio. No caso de que haxa máis solicitudes que prazas, realizarase un sorteo.

As mañás estarán organizadas para os alumnos en tres partes. A primeira hora da mañá, os rapaces asistirán a clases de inglés nas que adquirirán fluidez na conversa. A lembranza e posta en práctica das estruturas gramaticais e do vocabulario aprendido durante o curso escolar e a pronunciación serán aspectos nos que incidirán os mestres.

A segunda parte, máis lúdica, constará de obradoiros en inglés e realizados por grupos, segundo o nivel. Finalmente, a parte académica completarase con distintas actividades, como as visitas guiadas a centros de interese da cidade, xogos, sesións de contacontos e manualidades, que permitirán traballar con vocabulario específico.

Documentos relacionados



Compartir: