CAPITAL CULTURAL

O Auditorio de Galicia inaugura unha nova edición do Ciclo de Lied co programa ‘Mozart ao teu carón’

10/10/2023 O Ciclo de Lied, organizado polo Concello de Santiago de Compostela coa coordinación artística da asociación Amigos da Ópera de Santiago de Compostela e coa colaboración da Deputación da Coruña, bota a andar unha nova edición este mércores 11 de outubro no Auditorio de Galicia.

Faino, unha vez máis, ao abeiro do programa da Real Filharmonía de Galicia (RFG) para a temporada, e componse de dous concertos que afondan na dimensión poética de creacións de Wolfgang A. Mozart, Felix Mendelssohn, Gustav Mahler, Robert Schuman e Johhanes Brahms, e na comuñón da música coas outras artes e co pensamento literario e filosófico.

‘Mozart ao teu carón’

O primeiro dos recitais terá lugar este mércores 11 ás 20.30 horas na Sala Ángel Brage do Auditorio. Baixo o lema ‘Mozart ao teu carón’, o programa escolma unha serie de cancións e pezas para piano do xenio austríaco coas que explorar o amor, a perda, e a aceptación a través voz da soprano Julian Banse, o piano de Alexandre Krichel e a danza de István Simon. O director e coreógrafo Andreas Heise toma a batuta neste espectáculo no que movemento, voz e piano se combinan nunha soa expresión para ofrecer unha experiencia teatral apaixonante e moi emotiva a partir da música de Mozart. Como antesala do concerto, a musicóloga Teresa Adrán conducirá a sesión ‘Conversando con…", un faladoiro aberto ao público para profundar nesta proposta musical que arrancará ás 19.00 horas na Sala Mozart.

‘Duettos’

O segundo e último recital do Ciclo terá lugar o xoves 18 de xaneiro ás 20.30 horas, tamén no Auditorio. No programa ‘Duettos’, a mezzosoprano Catriona Morison, o barítono Konstantin Krimmel e o pianista Ammiel Bushakevitz interpretarán pezas de Felix Mendelssohn, Gustav Mahler, Robert Schuman e Johhanes Brahms, para nos mergullar no potencial perturbador e emotivo do lied.

Entradas e bonos

O bono de tempada da RFG dá acceso a ambos os concertos. Ademais, poderanse adquirir entradas individuais con antelación a través da web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C e, xa o día do concerto, no despacho de billetes do Auditorio de Galicia.

Direccións relacionadas



Compartir: