CAPITAL CULTURAL

A Escola de Música de aCentral Folque presenta un novo curso con paseos musicais pola cidade e concertos nos centros socioculturais como novidades

05/10/2023 aCentral Folque continúa coa oferta de formación continua na súa Escola de Música -EMaCF- logo de quince anos en Santiago de Compostela aprendendo arredor das músicas populares. Nesta ocasión, o curso presenta como novidades concertos nos centros socioculturais e paseos musicais pola cidade. A programación completa foi presentada en rolda de prensa pola concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e polo coordinador da Escola de Música, Mauro Sanín.

A edila agradeceu o labor que durante estes 15 anos vén prestando aCentralFolque en Santiago, "referente indiscutible" para todos e todas os que "queren aprender e saber da música popular galega. Louzou resaltou a importancia de "poñer en valor a nosa tradición, de mantela no tempo, de ensinala e transmitila, por iso esta colaboración é tan importante".

Mauro Sanín reinvindicou o labor da escola ao longo da súa vida "cun ensino enfocado nas aptitudes e intereses do alumnado con aulas individuais e colectivas en varias disciplinas da música tradicional galega e folque".

As aulas comezarán a partir do 5 de outubro ata mediados de xuño nas áreas de Canto e Pandeireta, Sanfona, Violino, Requinta, Gaita, Percusión, Baile e Análise de Cancións Tradicionais, ademais dunha chea de monográficos especializados que se irán anunciando ao longo do ano académico.

"Trátase dun novo curso para quen goste de aprender e saber da música galega en Santiago de Compostela en diferentes centros socioculturais da cidade", sinalou o coordinador do escola, que agradeceu o apoio do Concello de Santiago.

As aulas da Escola de Música de aCentral Folque están pensadas para todo tipo de persoas, con total independencia dos seus coñecementos musicais previos e teñan ou non unha aspiración profesional no ámbito da música. A súa finalidade é dotar ao alumnado das destrezas necesarias no desenvolvemento do seu instrumento. O profesorado achega a súa experiencia profesional no ámbito da música popular galega para facerlla chegar ao alumnado. Existen aulas individuais e aulas colectivas.As aulas desenvolveranse de xeito presencial agás nos casos referidos.

Como novidades para este curso, Mauro Sanín anunciou a realización de concertos nos centros socioculturais do concello, así como paseos musicais pola cidade, programas que serán presentados con máis detalle en vindeiras datas.

Materias, profesorado e horarios do ensino regular

• SANFONA
Mestre: Óscar Fernández. Lugar: CSC do Romaño. Días: venres (aulas cada 15 días e ensino a distancia)
• VIOLINO
Mestre: Carlos Quintá. Lugar: CSC A Trisca. Días: sábados
• FRAUTAS E REQUINTA / PERCUSIÓN / GAITA
Mestre: Roberto Sala. Lugar: ensino a distancia. Días: luns (ou a convir axenda co mestre)
• BAILE
Mestre: Serxio Cobos. Lugar: CSC do Romaño. Horarios: Xoves tarde ás 17.00
(iniciación) // 18.30 (avanzado)
• CANTO E PANDEIRETA
Mestre: Serxio Cobos. Lugar: CSC do Romaño. Horario: xoves de 20.00 a 21.00
• ANÁLISE de CANCIÓNS TRADICIONAIS
Mestre: Sergio de la Ossa. Lugar: Auditorio de Galicia. Horarios: sábados

aCentralFolque

A historia d’aCentral Folque é unha historia de "loita pola divulgación da música popular galega e pola mellora da súa situación no contexto actual", salientou o coordinador da súa Escola de Música.

aCentral Folque leva máis de vinte anos aprendendo música ao redor das formas patrimoniais galegas desde que abriu as súas portas no curso 2000-01 o daquela chamado Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, vila onde se mantivo ata o ano 2008 cando trasladou a súa sede a Santiago de Compostela. "Nun tempo onde o ensino da música galega estaba restrinxido ao ámbito local dos grupos folclóricos e ao tecido asociativo, esta Escola supuxo un foco de atención a músicos de toda Galicia que podían asistir a aulas individuais de especialidades pouco frecuentes como a sanfona ou o acordeón diatónico", lembrou Sanín. Vinte anos despois e cunha rede moi extensa de lugares e iniciativas semellantes onde aprender música galega por todo o país, "aCentral Folque continua a ser referencia docente con características propias como aulas individuais de instrumento ou o único Curso Maxistral sobre a música patrimonial galega".

Direccións relacionadas



Compartir: