CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia inicia a súa nova temporada, Migracións

03/10/2023 No primeiro concerto levará a batuta o director titular e artístico, Baldur Brönnimann, e actuará como solista o pianista Alberto Rosado. O número de abonados do Auditorio de Galicia nesta temporada increméntase nun 14% respecto á anterior.

A Real Filharmonía dá comezo este xoves a unha nova temporada que leva por título Migracións. Esta será a primeira deseñada polo director titular e artístico desde xaneiro de 2023, Baldur Brönnimann, e nela, a Filharmonía busca amosar como os movementos migratorios estaban presentes nos sentimentos de distancia, de ausencia e de esperanza dos compositores, así como tamén a importancia que este fenómeno ten na historia de Galicia.

O primeiro concerto realizarase no Auditorio de Galicia o 5 de outubro, ás 20h, e repetirase ao día seguinte no Auditorio de Ferrol ás 20:30h. Este terá por título 'novos destinos' e nel levará a batuta o mestre Brönnimann, quen estará acompañado como solista polo pianista Alberto Rosado.

No programa co que se dá inicio á temporada interpretarase o Ciel d'Hiver de Kaija Saariaho, o Concerto para piano e orquestra de György Ligeti e as Danzas Sinfónicas, op. 45 de Sergei Rachmaninov.

Para o recital en Santiago, as entradas poden mercarse na Zona C e na web compostelacultura.gal a un prezo de 18€, mentres que para o da cidade departamental os tickets de acceso poden adquirirse anticipadamente a través da plataforma Ataquilla a un prezo de 15€.

Ademais, tres cuartos de hora antes do comezo no Auditorio de Galicia, ás 19:15h, o director e o solista atenderán os asistentes que o desexen nunha nova edición de ‘Conversando con…’, o ciclo de faladoiros que promove a Real Filharmonía para que os amantes da música poidan coñecer de preto as impresións dos protagonistas.

Nesta ocasión tamén, e por cortesía de Galicia Calidade, as persoas que acudan ao concerto do xoves poderán degustar un viño ao rematar a actuación.

Incremento de abonados

Na etapa que dá inicio, a fidelización mediante a compra de abonos da Real Filharmonía demostra a grande expectativa que se está a xerar.

A temporada principia cun aumento do 14% das localidades ocupadas por abonados/as sobre a temporada anterior. Isto supón que o 45% das butacas dispoñibles da Sala Ángel Brage para os concertos da temporada da RFG estean comprometidas para as persoas abonadas.

Os datos globais de persoas abonadas individuais no Auditorio de Galicia (Abono A e Abono B) é dos mellores da serie histórica igualando as cifras de dos anos 2010/11, o que dá conta da tendencia de recuperación e asentamento do número de público fidelizado.

Compartir: