CAPITAL CULTURAL

Os Premios Ari(t)mar da música e da poesía galego-portuguesas premian a Fillas de Cassandra e Retimbrar e os poemas de Arancha Nogueira e María Isabel Fidalgo

02/10/2023 As artistas actuarán na Gala dos premios, que terá lugar o martes, 10 de outubro no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela. O premio especial a amizade galego-lusófona recaeu na Associação José Afonso, que leva máis de 30 anos difundindo os valores deste artista, tamén desde a delegación galega.

Os Premios Ari(t)mar Galiza e Portugal, que teñen como obxectivo achegar a cultura e a lingua común dos dous países, presentáronse este martes no Centro Internacional de Prensa de Galicia, en Santiago de Compostela.

Nunha gala que terá lugar o vindeiro martes, 10 de outubro no Auditorio de Galicia, participarán as artistas e poetas gañadoras do certame, elexidas polo público, nesta octava edición, a partir da obra publicada en Galiza e Portugal no pasado 2022.

A través dunha votación popular, as elixidas como músicas gañadoras foron II Lisístrata, a coñecida como "Varre Vasoira", de As Fillas de Cassandra, e "Maçazinha" do grupo portugués Retimbrar cos que colaborou a cantante galega Uxía.

No apartado de poemas, as poesías gañadoras foron "Mamá fala linguaxes de documentos predeterminados" de Arancha Nogueira, e "Se de repente perto fosse um verbo", da poeta portuguesa María Isabel Fidalgo. Tamén se entregará un premio especial á promoción da amizade galego-lusófona, que recaeu na Associação Jose Afonso, difusora desde hai máis de tres décadas dos valores deste artista con tanta relación con Galiza.

A Gala dos Premios da música e da poesía galego-portuguesas está organizada pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, e este martes presentouse en Santiago de Compostela. Miriam Louzao, concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago, salientou "o carácter popular do evento e como a cidadanía de Compostela toma a gala como propia", ademáis de subliñar o seu valor por dar a coñecer novas propostas "marcadas polo feminismo, o amor e o espíritu de renovar". Pola súa parte, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, manifestou que "o proxecto sorprende pola calidade e polo nivel das propostas e pola transcendencia no ámbito da lusofonía". Na presentación tamén participou Xosé Lago, Subdirector de Agrupamento de Cooperación Transfronteiriza Galiza - Norte de Portugal, que salientou "o valor da cultura como base da cooperación entre territorios".

Como explicou o director de Ari (t)mar, Gonzalo Constenla, "a participación segue a medrar cada ano e este ano bateu o récord de participación popular". Este ano foron máis de 6.000 persoas as que votaron en cadansúa modalidade, de música e poesía, participando e coñecendo propostas recentes de ambos lados do Miño.

O público que queira asistir á Gala na que os premiados recollerán o galardón e actuarán, o vindeiro martes 10 de outubro ás 20:30 horas, poderá facelo libremente, ata completar a capacidade do Auditorio de Galicia.

A Gala Ari(t)mar está organizada pola Escola Oficial de Idiomas, e conta co apoio do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, o Agrupamento de Cooperación Transfronteiriza Galiza - Norte de Portugal, a Deputación de A Coruña e o Instituto Camões.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: