DEPORTES

Santiago acolle a 11ª edición das Marchas Ciclistas Unificadas para persoas con e sen discapacidade intelectual

02/10/2023 A marcha, organizada por Special Olympics Galicia en colaboración co Concello de Santiago e unha ampla lista de entidades e empresas, chegará o día 7 de outubro a Compostela despois de percorrer as localidades de Allariz (Ourense) e Antas de Ulla (Lugo). O obxectivo desta marcha e favorecer a inclusión do colectivo a través do deporte.

A partir do vindeiro 5 de outubro, a inclusión volve a percorrer as rúas galegas grazas á Marcha Ciclista Unificada organizada por Special Olympics Galicia, e na que participarán conxuntamente persoas con e sen discapacidade intelectual de toda a Comunidade. O programa desta actividade foi presentado esta mañá no Concello de Santiago pola concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández; e o xerente da Asociación ASPAS, Javier García.

Esta marcha ciclista chega este ano á súa 11ª edición, e novamente percorrerá as 4 provincias galegas. A primeira ruta será a través da localidade ourensá de Allariz, continuando o día 6 de outubro en Antas de Ulla (Lugo). O día 7 de outubro en Santiago de Compostela e rematará o día 8 de outubro en Vilagarcía de Arousa. Catro días de ciclismo inclusivo que nesta ocasión contará coa participación de 7 entidades da discapacidade intelectual a través das diferentes xornadas. Estas entidades son PRODEME (Monforte de Lemos), ASPANAS (Ourense), AS BURGAS (Ourense), ASPAS (Santiago de Compostela), EU SON (Burela), SAN FRANCISCO (Vigo) e CON ELES (Vilagarcía), acompañadas polo Club Ciclismo Monforte e o Club Xiabre.

A etapa de Santiago terá nunha percorrido de 15 quilómetros e contará coa participación de 55 deportistas que partirán da praza do Obradoiro o vindeiro sábado 7 de outubro ás 11:30 h, tras o acto de inauguración que comezará ás 10:45 h. A chegada dos deportistas terá lugar ás 14:00 horas.

A concelleira Pilar Lueiro salientou que o Concello pretende con esta cita que "Santiago sexa un exemplo de integración" con esta "xornada deportiva, de lecer e de superación". Pilar Lueiro recordou que as persoas que adestran e que participan nesta marcha son "un exemplo para outras persoas que están pasando dificultades" e animou a todo o mundo a facer deporte xa que " a práctica deportiva sempre é a mellor medicina".

Special Olympics Galicia

Special Olympics Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro, formada por pais, profesionais e amigos de persoas con discapacidade intelectual.

A asociación nace no ano 2000, por acordo de 17 entidades das diferentes provincias galegas, e co fin de conseguir a inclusión social do colectivo de persoas con discapacidade intelectual,mediante a cultura, a práctica depotiva, o lecer e calquera outra actividade que promova a participación das persoas con discapacidade intelectual na vida comunitaria nun entorno normalizado.

Para isto, organizans e coordinan as actividades deportivas, lúdicas e culturais das diferentes entidades de persoas con discapacidade intelectual en Galicia.

Documentos relacionados



Compartir: