CONVIVENCIA

FALA BAIXIÑO

27/11/2023 O Concello de Santiago, en colaboración coas principais asociacións do sector hostaleiro, pon en marcha a campaña 'Fala Baixiño' co obxectivo de mitigar os ruídos que se producen na rúa para favorecer o descanso da veciñanza.

O Concello de Santiago reactiva a campaña "Fala Baixiño" co obxectivo de fomentar a convivencia, o respecto ao descanso da veciñanza e a toma de conciencia sobre os comportamentos individuais á hora de divertirnos.

O lanzamento desta campaña, cunha imaxe renovada, responde ás demandas do sector da hostalaría e á necesidade de seguir concienciando sobre o dereito ao descanso da veciñanza aproveitando a proximidade das Festas de Nadal, aínda que esta iniciativa se manterá ao longo de todo o ano.

A campaña 'Fala Baixiño' reformula a súa imaxe botando man dunha icona representativa de Compostela, Maruxa, unha das dúas Marías, cuxa mítica estatua está presente no espazo público, sempre en silencio e sen intervir no descanso da veciñanza. Coralia e Maruxa foron representadas nunha escultura de César Lombera Moret, obra que desde 1994 convive coa cidadanía compostelá e cos milleiros de persoas que pasan pola cidade, ocupando un espazo público na Alameda e que a día de hoxe é un símbolo da cidade. Tamén se reformulou a gama de cores introducindo o uso da cor amarela que se asocia cunha chamada de atención por risco ou precaución, isto é, unha advertencia.

Esta campaña poderá verse nas rúas de Compostela porque é no espazo público onde debemos coidar o noso comportamento e o espazo de socialización onde corremos o risco de causar molestias cando nos xuntamos en grupo en momentos de lecer e diversión. Tamén se distribuirán folletos de man e cartaces e instalaranse placas nos establecementos de ocio.

Nesta páxina poderás descargar os cartaces da campaña.

Compartir: