CENTROS SOCIOCULTURAIS

Inaugurada en Enfesta a última exposición da primeira fase de "A historia vai por barrios"

09/05/2007 A parroquia de Enfesta é a protagonista da última das exposicións da primeira fase de "A historia vai por barrios", despois das que pasaron por San Pedro, A Rocha, Villestro, Vite e o Ensanche. No seu local sociocultural, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou a mostra, que permanecerá aberta ata o 10 de xuño.

Na exposición descríbense os aspectos principais do pasado desta parroquia, que se remonta mesmo á prehistoria. Teñen un lugar preferente na mostra o antigo Concello de Enfesta, a importancia do movemento agrarista ou a antigüidade e importancia da parroquia como elemento aglutinador da veciñanza.

A principal diferenza desta exposición con respecto ás cinco precedentes radica en que está situada nun local sociocultural de singulares características. O edificio foi a sede do antigo Concello de Enfesta, e antes unha vivenda da que aínda se conservan algúns elementos, coma unha lareira. Arredor deste inmoble a veciñanza foi conformando un pequeno museo con obxectos relacionados coa historia da parroquia e da vida noutros tempos. Por iso prescindiuse das habituais vitrinas para dar un maior relevo á colección etnográfica.

Compartir: