MOBILIDADE

Roteiro en cadeira de rodas para mostrar os obstáculos que sofren as persoas con mobilidade reducida

20/09/2023 "En cadeira de rodas vese unha cidade con grandes muros que camiñando non se perciben". É a conclusión común dos representantes da Corporación municipal e doutros colectivos que esta mañá participaron no percorrido en cadeira de rodas organizado pola concellería de Mobilidade, en colaboración con Cogami. A actividade, enmarcada na celebración da Semana Europea da Mobilidade, quixo poñer o foco sobre as moitas barreiras arquitectónicas e sensoriais que ainda sofren as persoas con diversidade funcional.

Guiados por Ramón Sestayo, Susi Pérez e Álvaro García, de Cogami, concelleiros e concelleiras da Corporación municipal comprobaron cales son as dificultades ás que se enfrontan na súa vida diaria as persoas con mobilidade reducida. Foi nun pequeno percorrido desde a praza de Galicia ata a praza de Mazarelos, no que experimentaron os problemas para cruzar os pasos de peóns, subir e baixar pendentes, ou circular en determinado pavimento. O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, explicou que "o obxectivo desta actividade era precisamente poñer o foco, non nos grandes atrancos que percibimos todos, senón en cuestións das que non somos conscientes no noso día a día pero que marcan a diferenza na calidade de vida de moitas persoas". Desde Cogami, Álvaro García reclamou "maior compromiso político e orzamentario para mellorar a accesibilidade en Santiago, para garantir a autonomía e a participación na vida pública en igualdade de condicións de todos os veciños e veciñas".

No roteiro en cadeira de rodas participaron o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro; o de Obras, Suso Domínguez; e a responsable de Deportes, Pili Lueiro. Tamén se sumaron á iniciativa as concelleiras do PP María Baleato e Olaya Otero; e o edil do PSOE, Gonzalo Muíños.

Compartir: