CONSORCIO

Oito coros galegos actuarán no concerto participativo que a Real Filharmonía de Galicia ofrecerá o 21 de decembro

20/09/2023 A orquestra ampliou de 120 a 176 o número máximo de voces para non excluír a ningunha das agrupacións que amosaron interese. Tres dos coros son de Santiago, tres de Lugo, un de Pontevedra e outro de Marín.

Un total de oito coros con 176 voces sumaranse ao concerto participativo que celebrará a Real Filharmonía de Galicia o vindeiro 21 de decembro no Auditorio de Galicia e que levará por título 'CANTAMOS!'.

Esta actuación estará dirixida polo galego Javier Fajardo e nel o 'Orfeón Terra a Nosa' actuará como coro de escenario. No programa interpretarase a Misa na Honra do Apóstolo Santiago do compositor Juan Montes e a panxoliña Merry Christmas Beethoven, de Juan Durán.

A Real Filharmonía, dada a ilusión que espertou este proxecto, decidiu ampliar de 120 a 176 o número máximo de coristas para non excluír a ningunha das formacións interesadas en participar.

Os coros que actúen serán 'Solo voces', de Lugo; 'Harmonia Stellae', de Santiago, o 'Coro de Cámara Thalassa', de Marín, a 'Coral Polifónica de Salcedo', de Pontevedra; o 'Coro do Hospital de Lugo' e o 'Coro de Fingoi', da mesma cidade; o Coro de adultos da Escola Municipal de Música de Santiago e o 'Coro Asubío', tamén procedente da capital galega.

Compartir: