ALCALDÍA

O Festival Galicreques encherá Santiago de monicreques entre o 7 e o 15 de outubro ao ofrecer 60 funcións da man dunha trintena de compañías

19/09/2023 Formacións procedentes de Portugal, Francia, Colombia, Chile e Arxentina daranlle a dimensión internacional á 28ª edición da mostra, que este ano exhibirá 14 espectáculos inéditos. A sección ‘Cara Bé’, destinada ao público adulto, estará formada por sete espectáculos e celebrará unha sesión de varietés na xa tradicional carpa da Alameda, que un ano máis volve ser unha das sedes do certame Galicreques que descentralizará o seu cartel ao repartir a súa actividade entre o Teatro Principal, a Fundación SGAE, a Carpa da Alameda, as rúas da cidade e os centro socioculturais de barrios como Figueiras, Fontiñas, Santa Marta, Vite ou Conxo.

O Festival Galicreques, organizado pola asociación Barriga Verde co apoio do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura e Deporte e a Fundación SGAE, celebrará en Santiago entre o 7 e o 15 de outubro a súa 28ª edición. O cartel para este ano confórmano 60 funcións que correrán a cargo de máis de 30 compañías teatrais. "Santiago volve ser o epicentro do teatro dos monicreques e volve selo nun ano en que a programación medra en número de espectáculos e de compañías. Estamos ante unha das edicións máis amplas da nosa xa longa traxectoria", celebrou esta mañá Jorge Rey, director do festival, nunha rolda de prensa na que tamén participaron Miriam Louzao, concelleira de Capital Cultural; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, e Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña. Xusto antes da rolda, a compañía Nauta e Trópico de Grelos ofreceron unha intervención artística no Obradoiro.

A concelleira Míriam Louzao salientou a relevancia dun festival que xa chega á súa edición número 28, o que "da a medida da importancia que ten dentro da nosa programación. É case unha institución en Compostela", enfatizou, "e seguro que hai moitos composteláns e compostelás que asistiron de pequenos e agora levan os seus cativos e cativas". Louzaou lembrou tamén que, aínda que a programación familiar supón o groso o festival, hai tamén espectáculos para o público adulto. Así mesmo, fixo fincapé na importancia da descentralización de escenarios, que chegan ao rural da man da rede de centros socioculturais. Rematou a súa intervención agradecendo a colaboración institucional, "porque todos unidos podemos ofrecer unha programación de máis calidade".

Rey, na súa intervención, destacou a "gran variedade" do programa deste ano, que lle brindará ao público compostelán unha radiografía ben definida das tendencias actuais do xénero dos títeres tanto en Galicia como no ámbito internacional. Neste punto, anunciou a participación de compañías procedentes de "Arxentina, Colombia, Chile, Portugal e Francia". No apartado galego, Rey destacou a concorrencia de 15 formacións galegas. Entre outras, citou A Xanela do Maxín, Títeres Alakrán, Fantoches Baj, Brincadeira, Nauta, Mircromina ou Títeres Cascanueces.

O director de Galicreques, ademais, engadiu que este ano será "moi especial" para o festival, xa que por primeira vez a coordinación do evento será compartida cunha nova xeración de titiriteiros. "Este outono, nin eu nin Carme Domech, que todos os anos nos poñemos á fronte do festival, estaremos presentes. Marchamos de xira por América Latina e quedará aos mandos de Galicreques Rafael Rey", sinalou o director.

O actor, titiriteiro e director Rafael Rey, fillo de Carmen Domech e de Jorge Rey, encabeza a compañía Nauta e xa na edición de 2022 de Galicreques se implicou na organización do festival ao encargarse da posta en marcha do Cara Bé, a programación destinada para adultos de Galicreques que neste 2023 estará conformada por sete citas, incluída o espectáculo de varietés Cabaré CaraBé.

Estreas

Nesta 28ª edición, Galicreques ofrecerá 14 espectáculos inéditos. Entre eles, cómpre destacar as estreas de compañías galegas como son o caso de Babá Bebé, espectáculo da galega A Xanela do Maxín que se poderá ver o venres 13 de outubro na Fundación SGAE; Liu Xu Ria, a ardente velutina, da Compañía do Dr. Monifate, prevista para o xoves 12 de outubro na Carpa da Alameda, ou Contos de aquí para ti, de Olga Abad e Carmen Domech, que chegará ao parque compostelá ese mesmo día.

A compañía portuguesa Krisalida dará a coñecer no Teatro Principal o mércores 11 de outubro o seu Estorias e o Lume, mentres que os colombianos de La Pepa del Manoncillo fará o propio o día seguinte con Me lleva el Diablo e a formación catalá Fil de Guá representará por vez primeira no mesmo escenario o seu espectáculo Las Avispas, dentro da sección de Cara Bé, o venres 13.

Outros espectáculo que se estrean no Galicreques son Vicente, el pirata valiente, da compañía valenciana La Carreta; Fábulas, cuentos y canciones para alegrar los corazones, dos colombianos Los Juglares; El Cumple de Pablito, da formación estremeña Piccolo Teatro de Marionetas, ou Renata, da compañía arxentina Lucero.

Descentralización e funcións escolares

Durante a presentación púxose en valor dous elementos clave da natureza de Galicreques. O primeiro deles, a descentralización do seu programa. O festival distribúe por multitude de escenarios o seu cartel. Así, están previstas representacións na Fundación SGAE, no Teatro Principal, na Carpa da Alameda, en diversas rúas e prazas da cidade e nos centro socioculturais de nove barrios (Romaño, Conxo, Santa Marta, Ensanche, Fontiñas, Figueiras, Vite, Marantes e O Castiñeiriño).

O outro piar de Galicreques é o programa de funcións escolares. "A creación de públicos e o achegamento da escena dos monicreques ao alumnado de escolas e institutos son puntos fortes do noso traballo", sinalou Rey. Este ano, están previstas 17 representacións que se iniciarán o luns 9 e se estenderán até o mércores 18, superando as datas oficiais do festival.

En 2022, este programa contou coa asistencia de máis de 1300 estudantes de 32 centros de ensino dos concellos de Santiago, Teo, Ames, Val do Dubra, Oroso, Catoira, Brión, Mesía e Vilasantar. Aínda quedan prazas para algunhas das funcións, polo que o profesorado e os centros de ensino poden contactar co festival Galicreques a través do correo electrónico galicreques@titerescachirulo ou nos teléfonos 981 80 12 37 ou 667 771 147.

Direccións relacionadas



Compartir: