ALCALDÍA

Santiago dá a benvida ás delegacións ministeriais que participan no Consello de Asuntos Económicos e Financeiros da Unión Europea (ECOFIN)

14/09/2023 O Pazo de Raxoi acolleu esta tarde unha recepción de benvida ás delegacións ministeriais que participan no Consello de Asuntos Económicos e Financeiros da Unión Europea (ECOFIN) que se desenvolverá desde mañá, 15 de setembro, ata o sábado 16 en Compostela.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, recibiron á súa chegada ao Pazo de Raxoi á vicepresidenta primeira do Goberno de España, Nadia Calviño; ao gobernador do Banco de España, Pablo Hernández de Cos; ao presidente do CAF (Banco de Desenvolvemento de América Latina), Sergio Díaz-Granados; e ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.

Tras a sinatura no Libro de Honra do Concello por parte de Nadia Calviño, Sergio Díaz-Granados e Pablo Hernández de Cos, a rexedora dedicou unhas verbas de benvida a todas as persoas presentes, coas que quixo salientar a importancia de Compostela como "símbolo milenario de encontro cultural e de intercambio de coñecemento". "Non se nos ocorre cidade máis acaída que a nosa para acoller un encontro da transcendencia mundial desta reunión ministerial de asuntos económicos da Unión Europea e de América", engadiu.

Goretti Sanmartín desexoulles a todas as persoas participantes no Consello "acerto para que as súas decisións acaden os obxectivos que nos orientan: achegármonos a un mundo máis xusto e sustentábel social, económica e ambientalmente" e salientou "a importancia de poñer no centro da toma de decisións, co maior dos convencementos e a máis firme determinación, o benestar das persoas e o futuro do planeta". A rexedora recordou que "as grandes decisións económicas e as regras fiscais que se establezan atinxen á nosa supervivencia cultural e natural e á vida da nosa xente".

Na súa intervención, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, recordou que "Galicia é o inicio de moitos mundos" e ademais "viste a medio planeta, é líder nacional na fabricación de coches e exporta produtos do mar ou viños aos cinco continentes", polo que "é un bo lugar para abordar os retos económicos e financieros que atravesa a Unión Europea, que non son poucos".

Pechou o acto a vicepresidenta primeira do Goberno, Nadia Calviño, que agradeceu ao Concello de Santiago e á Xunta de Galicia "a cariñosa acollida" e a "boa organización". "Penso que este evento é un exemplo extraordinario de como a cooperación entre as distintas institucións pode abordar beneficios ao noso país e ao conxunto da sociedade", salientou.

Na recepción tamén estiveron presentes o arcebispo de Santiago, Francisco Prieto; o reitor da USC, Antonio López; así como os voceiros e as voceiras dos distintos grupos municipais e a Corporación.

Documentos relacionados



Compartir: