CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia leva a música clásica aos barrios composteláns

13/09/2023 Ofrecerá tres concertos esta semana na igrexa de Conxo, no Centro Comercial Área Central de Fontiñas e no Centro Cultural de Santa Marta

A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá este xoves 14, venres 15 e sábado 16 de setembro senllos concertos nos barrios composteláns para achegar a música clásica a toda a cidadanía santiaguesa.

As actuacións serán na Igrexa de Santa María da Mercede de Conxo o xoves, no Centro Comercial Área Central de Fontiñas o venres, e na sala Agustín Magán do Centro Socio Cultural de Santa Marta o sábado. As tres darán comezo ás 19h e terán entrada libre ata completar cabida.

Os recitais, que estarán dirixidos polo mestre Maximino Zumalave, conterán obras de Wolfgang Amadeus Mozart, Gioachino Rossini, Franz Schubert, Felix Mendelssohn, Igor Stravinsky e Ludwig van Beethoven.

Estes concertos serán o preludio da nova temporada da Real Filharmonía de Galicia, que levará por título 'Migracións' e para o que esta semana, ata o venres 15, está aberta a posibilidade de creación de novos abonos para o público. Estes poderán realizarse no despacho de billetes do Auditorio de Galicia en horario de 11h a 14h.

Compartir: