DEPORTES

Fontiñas acolle a I edición do Torneo Cidade de Santiago de baloncesto en Cadeira de Rodas

13/09/2023 A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, presentou esta mañá a I edición do Torneo Cidade de Santiago en Cadeira de Rodas, que organizan o Instituto Rosalía – FEDESA co apoio do Concello de Santiago. Este torneo desenvolverase este sábado 16 de setembro no pavillón municipal de Fontiñas con entrada de balde ata completar aforo.

A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, acompañada de Kiko Montero, xerente do CB Rosalía, e Agustín Alejos, capitán do AMFIV de Vigo, presentou esta mañá a I edición do Torneo Cidade de Santiago en Cadeira de Rodas, que terá lugar este sábado a partir das 17:00 horas no pavillón municipal de Fontiñas.

Organizado polo Instituto Rosalía – FEDESA, este Torneo nace co obxectivo de difundir o deporte practicado por persoas con algún tipo de discapacidade, sensibilizar á sociedade do esforzo que isto supón, así como dar visibilidade a esta disciplina entre aquelas persoas que poidan estar interesadas.

A competición deste sábado enfrontará aos equipos SERVIGEST DE BURGOS e o AMFIV DE VIGO, ambos con gran experiencia a nivel competitivo.

En concreto, o SERVIGEST DE BURGOS é o máis antigo dos equipos que hai activos hoxe en España, e ademais creou unha empresa na que traballan 138 persoas con algún tipo de discapacidade, que vén de abrir unha sede en China. Esta tempada acaban de ascender desde segunda división como campiones e sen perder ningún partido.

O AMFIV (Asociación de Minusválidos Físicos de Vigo) naceu en Vigo en 1982 coa idea de potenciar ás persoas con algún tipo de discapacidade física a través do deporte e de pelexar pola igualdade de oportunidades. Ao longo dos anos deportistas do club representaron a España en varias edicións dos Xogos Paralímpicos.

Dentro do programa, tamén se levarán a cabo unha serie de obradoiros que contarán coa presenza de adestradores especializados, así como de xogadores que participan na máxima categoría do baloncesto en cadeira de rodas a nivel estatal, que visitarn varios centros educativos para dar visibilidade social ás dificultades que atoparon á hora de desenvolver unha actividade deportiva.

A concelleira Pilar Lueiro convidou a toda a veciñanza a asitir ao torneo no pavillón de Fontiñas, ao que se poderá acceder de balde ata completar aforo, e non perder un espectáculo deportivo cheo de "esforzo, superación e traballo en equipo".

Compartir: