CIDADES PATRIMONIO

Este sábado volve a Noite do Patrimonio a Compostela con espectáculos, roteiros e visitas a edificios emblemáticos da cidade

13/09/2023 Este sábado, 16 de setembro, veciñanza e visitantes terán unha cita coa Noite do Patrimonio, que presenta un amplo programa de actividades co que poñer en valor a riqueza arquitectónica e cultural de Santiago. Este evento desenvolverase de xeito simultáneo nas 15 vilas que forman parte do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, entre as que se atopa Compostela.

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou esta mañá a programación vinculada á Noite do Patrimonio, acompañada da deputada provincial de Cultura, Natividad González, e de Manuel Rial de Trivium, a entidade organizadora.

Míriam Louzao salientou que con esta nova edición da Noite do Patrimonio, "o Concello pon en marcha unha nova liña estratéxica dentro do Departamento de Cultura, á que chamamos Patrimonio C", que ten a intención de "poñer en valor o patrimonio de Santiago desde unha perspectiva ampla, en construción e sempre participada pola cidadanía". O obxectivo é "reafirmar o sentido de pertenza" da cidadanía, aumentando o seu coñecemento sobre o patrimonio e "resignificar espazos da cidade que teñen un uso turístico elevado" para que os composteláns e compostelás "volvan tomalos como propios", detallou a concelleira.

A Noite do Patrimonio inclúe actividades destinadas a dar visibilidade ao patrimonio histórico da cidade, tanto o material como o inmaterial, incidindo especialmente naqueles espazos habitualmente pouco accesibles ao público. Así, as actividades enmárcanse en tres liñas: 'Patrimonio ao Vivo' con actuacións musicais e un obradoiro de baile tradional; 'Patrimonio Aberto', que inclúe roteiros e visitas ao interior do Pazo de Raxoi e no antigo Concello - ZONA C; e 'Patrimonio Agora', para achegarse á arte contemporánea a través de visitas guiadas en varias galerías, e obradoiros de artesanía impartidos por Susi Gesto ou José Castro, entre outros.

A Noite arranca coa representación da obra de danza 'Pièce distinguée nº59' de La Ribot Ensemble, ás 20.30 horas no Museo do Pobo Galego; unha proposta na que a parella de artistas completamente cubertos de ouro reflicte os derradeiros raios do sol antes do solpor. Esta peza de danza xoga cos múltiples significados do ouro, nun ritual á vez luxoso e primitivo. Este espectáculo será retransmitido por streaming a través da web: lanochedelpatrimonio.com e na web e redes sociais da UNESCO.

Todas as actividades son gratuítas. Pode consultarse a programación na web compostelacultura.gal.

A Noite nas Cidades

La Noche del Patrimonio. A Nit do Patrimoni. A Noite do Patrimonio volverá celebrarse este sábado nas 15 Cidades Patrimonio da Humanidade de España, unha cita histórica que coincide coa celebración do 30 aniversario da creación do Grupo e coa Presidencia de España do Consello da Unión Europea.

Trátase dun evento cultural único en Europa,organizada polo GCPHE cun programa de eventos e actividades que se desenvolverán de forma simultánea nas 15 cidades históricas co selo UNESCO e inclúe a apertura extraordinaria de monumentos ou museos e 300 actividades gratuítas para todos os públicos. Ademais, ofrécense 15 espectáculos de danza contemporánea no marco do Festival Escena Patrimonio, con sete estreas absolutas.

A Noite do Patrimonio aumenta en 2023 a súa visibilidade no continente americano, incorporando a México, Cuba e Perú a un evento que conta coa colaboración do Centro de Patrimonio Mundial da Unesco. Ademais, un ano máis Paradores de Turismo, a cadea de hoteis e restaurantes que opera no país desde 1928, súmase á Noite do Patrimonio organizando visitas guiadas, actuacións musicais e ceas temáticas no seu once establecementos situados nas Cidades Patrimonio da Humanidade para achegar ao público a historia e o rico patrimonio que albergan.

A Noite do Patrimonio está estruturada en 3 seccións nas 15 cidades:

1.- ABERTO PATRIMONIO: portas abertas de monumentos e espazos culturais
2.- VIVE PATRIMONIO: unhagran oferta cultural e de lecer que se repartirá polos seus centros históricos
3.- ESCENA PATRIMONIO: festival e plataforma de creación para a Danza en espazos patrimoniais.

Entre os centos de espazos históricos que abren en horario extraordinario inclúense espazos patrimoniais como a Muralla de Ávila e as catedrais de Ávila, Ibiza/Eivissa, a catedral da nosa Señora dos Remedios de La Laguna ou a concatedral de Santa María de Cáceres e a concatedral de Santa María de Mérida; o Palacio de Jabalquinto en Baeza; o Alcázar dos Reis Cristiáns, o conxunto monumental Mesquita-Catedral de Córdoba e o Conxunto Arqueolóxico Madinat Al-Zahra; o Museo de Arte Contemporánea Helga de Alvear de Cáceres e o Conxunto Patrimonial e Arqueolóxico da Torre de Bujaco; o Museo de Arte Abstracta Español de Cuenca, as Casas Colgadas ou o centro cultural e artístico Alfarería Pedro Mercedes; o Museu d'Art Contemporani d'Eivissa e o Museo Puget de Ibiza; o Palacio dos Corbos, o Templo de Diana ou a Alcazaba Árabe de Mérida; as Torres da Catedral de Salamanca e Scala Coeli. Torres da Clerecía ou o Centro de Interpretación das Murallas Salmantinas; o antigo Convento de Santo Domingo de Guzmán de La Laguna, o Palacio Lercaro (Museo de Historia e Antropoloxía de Tenerife) ou a sede da histórica e centenaria do Orfeón da Paz; o Pazo de Raxoi en Santiago de Compostela; o Alcázar de Segovia, o adarve da muralla (Porta de San Andrés), o Centro Didáctico da Xudaría e a Casa Museo de Antonio Machado; o Pretorio, circo e anfiteatro romanos de Tarragona, así como o Paseo Arqueolóxico (Murallas Romanas); o Palacio Vela de los Cobos de Úbeda, o Convento da Concepción, a Sinagoga da Auga ou a Sacra Capela do Salvador; ademais do Museo Arqueolóxico Rexional, situado en Alcalá de Henares, así como o xacemento Complutum e Casa de Hippolytus ou o Museo Casa Natal de Cervantes. Un programa espectacular de aperturas de espazos monumentais e actividades ao que se suman os establecementos históricos de PARADORES nas Cidades Patrimonio.

Tamén se ofrecen multitude de visitas guiadas aos centros históricos ou enclaves arqueolóxicos, xunto con experiencias vinculadas ao gozo do patrimonio, con centos de espectáculos nas prazas, rúas e espazos patrimoniais, ademais de concertos de corais e grupos instrumentais de música antiga; conferencias, exposicións, recitais, visitas teatralizadas ou talleres de recreación histórica e de artesanía, dentro dun amplo e variado abanico con máis de 300 propostas para todos os públicos e de carácter gratuíto, que tamén inclúe actividades específicas para público infantil.

Toda a programación da Noite do Patrimonio do sábado 16 de setembro en Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza / Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda xa se pode consultar na web lanochedelpatrimonio.com.

As representacións creadas especialmente para os espazos patrimoniais das 15 cidades serán retransmitidas en streaming a través da mesma páxina web.

Documentos relacionados



Compartir: