CAPITAL CULTURAL

Tres estreas mundiais e dezasete estatais daranse cita na sétima edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia, que comeza este xoves en Santiago

12/09/2023 Actress, Laurel Halo, Midori Takara, DJRUM, Lee Gamble, Croatian Amor ou Loraine James son os pratos fortes dun festival que se celebrará do 14 ao 17 de setembro en nove espazos da cidade. A escena galega terá unha presenza relevante tanto no cartel coma no encontro interxeracional nomeado O son electrónico de Galicia, ao que están convidados medio centro de colectivos, djs, promotores e artistas. Os últimos abonos e entradas de día dispoñibles para o WOS 2023 pódense adquirir a través do web oficial wosfestival.es.

A partir deste xoves 14, e até o domingo 17 de setembro, a capital galega amosará o seu lado máis arriscado e vangardista. A cidade acollerá a sétima edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia, o encontro multidisciplinar dedicado a promover e fomentar a música e a cultura de vangarda con concertos e actividades en diferentes espazos de alto valor patrimonial de Santiago.

O festival ofrecerá ao longo de catro xornadas un total de 29 actuacións musicais con artistas procedentes de máis de 15 países de todo o mundo (dos cinco continentes, desde Exipto ata India, pasando por Reino Unido, Portugal, Sierra Leona ou Australia, entre outros) que, habitualmente, só é posible ver en grandes cidades. Tres estreas mundiais e dezasete a nivel estatal formarán parte dunha programación arriscada, global e de vangarda que consolida a cita como un dos festivais de referencia en Europa, tanto para artistas da escena electrónica coma para promotores e público.

A nova edición do festival presentouse esta mañá no Pazo de Raxoi, nunha rolda de prensa que contou coa presenza da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzado; o delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Treno; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), Jacobo Sutil; o Vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; a responsable de comunicación de Corporación Hijos de Rivera, Cecilia Babarro; e o director do festival, Iván Arias.

Míriam Louzao salientou que un ano máis o WOS "vai converter Compostela na capital da música e da cultura alternativa e de vangarda", o que se ven sumar á oferta cultural da cidade "coa que intentamos abranguer un espectro de disciplinas e estilos o máis amplia posible" para "segmentos de público o máis variado posible". A concelleira de Capital Cultural fixo un chamamento a todas as persoas amantes da música para que se fagan coas últimas entradas á venda: "se queres estar á última do que se move en cultura anternativa e gozar das tendencias máis contemporáneas, tes que estar en Compostela desde este xoves ata o domingo".

Un festival multiespazo que se estende por toda a cidade

Do 14 ao 17 de setembro, WOS Festival x SON Estrella Galicia ofrecerá unha completa programación de case unha trintena de mostras sonoras, ademais de proxeccións de películas documentais e parladoiros. Mais un dos aspectos máis salientables do festival será, unha vez máis, os extraordinarios escenarios elixidos para as actuacións, que porán en valor o patrimonio arquitectónico e cultural da cidade. A Igrexa da Universidade, o Teatro Principal, o Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC), a sede Afundación, a Fundación Eugenio Granell, a sala de cinema NUMAX, o Parque de Bonaval e a sala Capitol serán sedes dunha edición que, como novidade, incorporará o complexo arquitectónico industral da Fundación Laboral de la Construcción: dúas súas naves transformaranse, na noite do sábado 16, nunha pista de baile.

Actress, Laurel Halo, Midori Tadaka e DJRUM, cabezas de cartel do WOS 2023

As seareiras e seareiros dos sons máis inconformistas e da cultura contemporánea máis audaz e subversiva encherán as rúas, prazas e teatros da cidade para gozar das actuacións de figuras internacionais como Actress, Laurel Halo, Midori Takada e DjRUM, entre outros moitos. O británico Actress, nome imprescindible para comprender a evolución recente da música techno, presentará no WOS temas do EP Dummy Corporation (2022) e o seu último sinxelo, Push Power (2023). Pola súa banda, a artista de culto Laurel Halo presentará ao vivo, da man da chelista norteamericana Leila Bordreuil, o seu novo traballo, nomeado Atlas (2023), unha proposta ambiental con influencia neoclásica. Ademais, as amantes do baile e das viaxes sonoras a través de xéneros e escenas gozarán da sesión nocturna do británico DjRUM, un dos mellores djs da década. E como broche dourado desta edición, e coas localidades esgotadas desde hai días, terá lugar a estrea mundial do novo espectáculo da lenda xaponesa da música ambient Midori Takada, Japan On Films (2023), proxecto que conta co apoio internacional de institucións tan prestixiosas coma o British Film Institute (BFI) e a Fundación Japón.

Croatian Amor, ABADIR, Lee Gamble, Malibu, Loraine James ou CORIN, por destacar só algúns nomes, son outras das figuras que formarán parte dun cartel que ofrecerá este ano tres estrenos mundiales: alén da xa mencionada Japan On Film (Live) de Midori Takada, o público gozará por vez primeira de Alex Aller & Margarida Mariño present Transmutation (Live AV) e Kosu Nes & Urok presents Itionomaxi (Live AV).

Alén de achegar ao país a arte de grandes figuras de todo o mundo, WOS Festival x SON Estrella Galicia mantén o seu interese, desde 2016, pola escena local. Desde aquela primeira edición, na que procurou promover encontros e descubrir novos talentos, a súa aposta polo tecido creativo galego sempre estivo presente. Este ano o eventocontará con artistas como Ivankovà, JUAIT, Alex Aller & Margarida Mariño, Akazie, Kosu Nes & Urok e MIL111.

Programación paralela de cinema e conversas

Ademais de propostas musicais, WOS Festival 2023 ofrecerá unha interesante programación paralela que incluirá dúas proxeccións documentais que terán na música o seu tema principal e que se poderán ver no Cinema NUMAX. É o caso de CAN and Me (2022), un retrato íntimo de Irmn Schimidt, o fundador da banda CAN, que conta con materiais de arquivo e entrevistas para entender a súa figura; e Expedition Content (2020), na que será a súa estrea en España, unha peza que emprega material de arquivo sonoro de antropólogos estadounidenses e nativos Hubila, de Papúa Nova Guinea.

Alén das exhibicións cinematográficas, WOS proporá, en aberto, un programa de conferencias sobre a escena electrónica. Por un lado, porá o foco sobre a escena galega, considerada unha das máis interesantes do territorio peninsular, a través das mesas redondas O son electrónico de Galicia: unha conversa interxeracional, na que abordarán a boa saúde actual do panorma máis próximo e as súas diferentes ramificacións polas catro provincias, mais tamén o camiño percorrido até o de agora. Participarán artistas, colectivos, DJs e promotores. Pola outra, o festival contará cun panel que terá como protagonista a Aho Ssan. O músico, afincado en París, e que estreará Rhizomes en España no marco do WOS Festival, conversará sobre o seu proceso creativo co prestixioso xornalista musical Phil Bloomfield (Sónar Festival).

Últimas entradas dispoñibles

O WOS 2023 está a piques de pendurar o cartel de "entradas esgotadas". Polo de agora, xa non quedan dispoñibles Abonos Weekend (15-17 de setembro) nin billetes de día para o venres 15 nin para a gala de clausura (domingo 17). As últimas entradas para esta edición pódense adquirir a través do web oficial wosfestival.es.

WOS Festival conta con SON Estrella Galicia como patrocinador principal, ademais do apoio doutras institucións como Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Concello de Santiago de Compostela, Deputación da Coruña e Fundación Japón.

Cortes de tráfico

Desde as 19:00 horas do venres 15 de setembro ata as 06:00 horas do sábado 16 de setembro, a rúa Pontepedriña de Arriba (O Romaño) quedará pechada ao tráfico con motivo da celebración do WOS Festival X SON Estrella Galicia na Fundación Laboral da Construción.

Direccións relacionadas



Compartir: