XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno local aproba a concesión de subvencións para as asociacións veciñais por máis de 86.000 euros

11/09/2023 A Xunta de Goberno deu hoxe luz verde a 32 subvencións por unha contía total de 86.924,42 euros dirixidas a asociacións veciñais da cidade para o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral. Na sesión ordinaria desta mañá tamén se aprobaron dous proxectos para levar a cabo as obras de mellora e acondicionamento dos locais socioculturais de Enfesta e Villestro, cun orzamento total de 182.120,69 euros, ao abeiro do plan POS+ 2021 da Deputación de Coruña.

O executivo municipal aprobou esta maña a concesión de subvencións nominativas a 32 asociacións veciñais de Santiago, cunha achega total de 86.924,42 euros. En concreto, as asociacións As Marías, Casa Agraria, Álvaro Cunqueiro e A Gracia recibirán cada unha delas axudas por un valor de 5.100 euros. Concédense subvencións por valor de 3.000 euros a Av Fco. García Beiro De Marrozos, Av Monte Longo De Grixoa, Av Sandra Prego Rial, Av San Juan De Fecha (Lamascal), Av da Cidade Histórica Fonseca, Av Barrio De Guadalupe A Ponderosa, Av Rego Das Pedras (Marantes), Av Campo Das Escolas De Busto, Av Parroquia De San Lázaro Monte Do Gozo (Amio), Av As Cancelas, Av Río Sarela A Peregrina, Av Brañas De Andrés, Av Río Sarela San Lourenzo, Av Sta Marta Choupana–Vedesma, Av O Castiñeiro Do Castiñeiriño e Federación Asoc. De Veciños Do Rural (Ferusa).

Tamén recibirán axudas as asociacións veciñais de Conxo Aberto (2.904,79 €), A Xuntanza (2.990,77 €), A Xunlla De Laraño (610,07 €), Camino de Santiago (2.200,00 €), Cesar (2.164,80 €), Nosa Señora De Belén (2.400,00 €), Campo do Monte (1.461,00 €), Espazo veciñal Sar (2.237,43 €), Sta Mariña de Berdia (1.211,08 €), Plataforma de Galeras (700,40 €), Angrois (456,08 €) e Monte de Dios (1.288,00 €).

A contía asignada a cada unha das entidades vén dada pola puntuación acadada na súa proposta, das que se valorou o interese xeral da actividade ou programa para a veciñanza, a participación, a continuidade do mesmo, ou que se trate de actuacións dirixidas a colectivos desfavorecidos ou con especiais dificultades de inserción social. Tamén se tivo en conta o número de persoas asociadas á entidade, a orixinalidade e carácter innovador do programa ou actividade, a incidencia na promoción da igualdade, a realización en colaboración co Concello e a calidade e deseño da publicidade (folletos, carteis, dípticos…).

Estas subvencións financian un máximo do 80% dos gastos correntes necesarios para o desenvolvemento das actividades e programas (servizos de información, comunicación, divulgación, formación...), así como actividades sociais e outros gastos de funcionamento da entidade (administración, asesoramento, prensa...).

Melloras nos centros socioculturais de Enfesta e Villestro

Nesta mesma sesión ordinaria da Xunta de Goberno, aprobáronse dous proxectos de construción por un valor total 182.120,69 euros ao abeiro do plan POS+ 2021 da Deputación de Coruña. Trátase das obras para a mellora e acondicionamento do centro sociocultural de Villestro, cun orzamento de 79.987,40 euros (66.105,29 euros + 13.882,11 euros de IVE), e do local sociocultural de Enfesta, cun orzamento de 102.133,29 euros ( 84.407,68 euros + 17.725,61 euros de IVE).

Ambos proxectos construtivos cun prazo de execución de 3 meses para resolver os problemas detectados nos locais e a garantir así condicións óptimas para o seu uso de carácter sociocultural, sen alterar a imaxe nin o funcionamento dos edificios. Os proxectos serán agora remitidos á Deputación Provincial da Coruña, para logo continuar co procedemento de adxudicación do contrato de obra por parte do Concello de Santiago.

Compartir: