XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno acorda a substitución de doce autobuses para garantir a correcta prestación do servizo de transporte

08/09/2023 A Xunta de Goberno acordou, nunha sesión extraordinaria, a substitución de doce vehículos adscritos ao servizo de transporte urbano por outros tantos vehículos que serán facilitados pola actual concesionaria. Está previsto que os autocares empecen a operar nas próximas semanas.

Tal e como xa informara o Goberno municipal, a concesionaria do transporte trasladou a necesidade de substituir parte da flota para poder prestar o servizo en condicións a partir do mes de setembro, coa entrada en vigor dos horarios de inverno que supoñen máis frecuencias e, polo tanto, requiren a utilización dun maior número de autobuses. Os informes periciais encargados recomendaron a renovación de 12 vehículos, que serán facilitados pola operadora e aboados polo Concello como indemnización polo déficit na prestación do servizo a razón de 4.390 euros mensuais por autobús.

Na mesma Xunta de Goberno extraordinaria tamén se acordou desistir, por razón de interese público, do procedemento de adxudicación da xestión do servizo público de transporte colectivo urbano de viaxeiros. Dáselle cumprimento así ás recomendacións dos técnicos municipais, que consideraron que os estudos económicos elaborados durante o anterior mandato ficaron obsoletos coa entrada en vigor do novo convenio colectivo do sector de transporte de viaxeiros por estrada da provincia da Coruña, que contempla incrementos retributivos do 12,2% a aplicar con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2023. Precisamente, o estudo económico fora un dos obxectos dos recursos contra os pregos que diferentes empresas presentaron diante do TacGal, e que foron estimados parcialmente nunha resolución publicada o 30 de xuño. Da decisión aprobada hoxe pola Xunta de Goberno daráselle traslado tanto ao Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia como aos licitadores que presentaron as súas ofertas no procedemento agora paralizado.

Compartir: