TURISMO

Turismo de Santiago promociona a cidade como destino de congresos en Suíza

07/09/2023 O gasto medio dun participante nun congreso foi de 355 euros ao día no 2022.

Turismo de Santiago, a través do Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB), participou o pasado martes nunha xornada directa de promoción de Compostela como destino dirixido a profesionais do sector de Congresos, Eventos, Xornadas e Incentivos do mercado suízo. A xornada foi organizada pola Spain Convention Bureau.

Na xornada, Turismo de Santiago tivo a oportunidade de facer unha presentación da cidade a máis de 70 dos principais organizadores de congresos e eventos suízos, cos que ademais puido conversar no workshop posterior á presentación da cidade. Tanto na presentación como nas charlas posteriores amosáronse os múltiples recursos cos que conta Santiago para acoller Congresos e Viaxes de Incentivos de dimensión internacional, que se suman ao atractivo turístico da cidade.

Con esta acción en Suíza, Turismo de Santiago continúa co obxectivo de consolidar Compostela como un destino de congresos internacional, capaz de captar non só congresos e xornadas de ámbito estatal senón tamén de ámbitos de maior dimensión, co obxectivo de continuar evolucionando o modelo turístico de Santiago, dirixíndose a un segmento que aporta un alto valor engadido para a cidade, xa que o gasto medio dun participante nun congreso situouse nos 355 euros ao día en España o ano pasado, segundo os datos do Spain Convention Bureau.

A previsión é que o ano 2023 sexa un gran ano para o sector congresual da cidade, apuntalando a desestacionalización da demanda na cidade. Por exemplo, nos cinco primeiros meses do ano houbo eventos múltiples eventos que dinamizaron a demanda turística da cidade: como o oitavo Symposium internacional de Biposia Líquida, que se celebrou no mes de xaneiro; a Conferencia Mundial da Educación, no mes de febreiro; o quinto congreso Nacional da Asociacion Interim Management, en marzo; as Triséximas Xornadas de Publicidade Exterior, no mes de abril; e en maio o 50 Congreso Nacional de Dermatoloxía e Veneroloxía, con máis de 2.000 participantes e máis de 1.000 acompañantes.

O sector congresual tamén será un gran dinamizador da demanda turística no último cuatrimestre, con diferentes congresos de relevancia, especialmente do ámbito sanitario, como o II Congreso de Alineadores e Novas Tecnoloxías, o XIX Congreso Nacional de Neonatoloxía y Medicina Perinatal, o IX Congreso Nacional de Enfermería Neonatal, ou o IX Congreso da Sociedade Española de Epilepsia.

Ademais, do 14 ao 16 de setembro, no marco da presidencia española da UE, celebrarase un importante cumio de ministros da Unión Europea e Latinoamérica e unha reunión do Consello de Asuntos Económicos e Financiarios da Unión Europea.

Compartir: