DEPORTES

Concello de Santiago, USC e clubs deportivos de Compostela acordan as condicións de uso das instalacións universitarias

06/09/2023 A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro; o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico; e representantes do Santiago Rugby Club, o E.D.S. Santa Marta e o Rácing San Lorenzo reúnense para optimizar a utilizacións dos espazos deportivos da USC.

O Concello de Santiago e a Universidade de Santiago reforzan no curso 2023-24 a súa rede de colaboracións para fortalecer a cooperación con outras institucións e co tecido deportivo galego cara á achega de actividades e servizos físico deportivos á cidadanía.

A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, reuniuse este luns co delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, e con representantes de clubs que fan uso das instalación deportivas da USC, concretamente o Santiago Rugby Club, o E.D.S. Santa Marta e o Rácing San Lorenzo, para racionalizar e organizar as condicións e horario de acceso aos distintos espazos da Universidade. A reunión entre institucións e clubs permitiu coñecer de primeira man as necesidades e inquedanzas das entidades deportivas compostelás para así procurar dar de maneira conxunta a mellor resposta ás súas demandas.

Esta acción enmárcase na vía de colaboración aberta entre a USC e o Concello de Santiago para abrir as instalacións e servizos da Universidade á cidadanía e a contorna deportiva, co compromiso da entidade municipal de achegar financiamento que contribúa ao mantemento das instalacións e dos custos de persoal derivados de abrir a oferta deste servizo a un colectivo máis amplo que o estritamente universitario.

"Desde un primeiro momento vimos a necesidade de chegar a acordos coa USC e coa Xunta", explicou a concelleira de Deportes, "e seguiremos traballando para ampliar a colaboración e ganar espazos para o deporte en Compostela, así como tamén estamos a facer xestións con outras entidades locais para buscar máis espazos".

Indicou tamén que "a demanda de campos de fútbol supón, ano a ano, un incremento significativo porque este curso hai 164 equipos que solicitaron campo fronte a 140 do ano pasado". Iso obriga a facer un sobreesforzo para atender a demanda en canto a buscar novas instalacións e reorganización de horarios.

Con esta liña de acordo, por parte da USC reiteran a súa vontade facer dos seus espazos un punto de convivencia que sirva de utilidade á veciñanza e a contorna deportiva de Compostela. As últimas intervencións no estadio de atletismo ou no campo de fútbol do campus compostelán son boa mostra desa dispoñibilidade e do uso cada vez máis intenso que delas se fai, sen esquecer outros espazos como as pistas de tenis, a piscina ou o campo de fútbol sala, recentemente reacondicionado.

Compartir: