EDUCACIÓN

Os máis novos achéganse á Banda Municipal de Música

09/05/2007 A concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, e o director da Banda Municipal de Santiago, Casiano Mouriño, presentaron un novo ciclo de concertos didácticos. Neste caso o obxectivo é achegar aos máis novos a unha das institucións máis populares da cidade, a súa Banda Municipal de Música.

As sesións terán lugar os días 25 de maio e 1, 5 e 19 de xuño no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal, ás 10:00 e ás 12:00 horas. Un total de 30 centros e 1.917 alumnos teñen confirmada xa a súa participación.

A oferta é dobre. Por un lado e dirixido aos nenos e nenas de educación infantil e primaria, presentarase "Os instrumentos da Banda de Música". Polo outro, a Banda interpretará o conto musicado "Peer Gynt" para alumnos de 1º, 2º e 3º de primaria. O actor Santi Prego encargarase da narración e a Banda da interpretación deste conto, escrito polo noruegués Henrik Ibsen e musicado polo seu compatriota Edvard Grieg.

Compartir: